As Pontes, 1 de xuño de 2021. O Concello das Pontes coa colaboración da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (COHEMPO) retoma a campaña de dinamización do comercio da hostalería, “Outonía. Petisca e Merca nas Pontes” co obxectivo de impulsar dous sectores esenciais na economía local.

Elena López, responsable da área, indica que “esta campaña estaba prevista para o outono de 2020 pero debido á situación sanitaria e as restricións existentes, tanto no sector comercial como hostaleiro, non se puido levar a cabo. Agora é momento de contribuír á súa reactivación a través dunha campaña de incentivo do consumo, dándolle valor ao comercio de proximidade, ao produto local e o bo facer das persoas vencelladas á hostalaría e animando á veciñanza a saír ás rúas”

A campaña baixo o lema Outonía en Primavera” celebrarase entre o 3 e o 5 de xuño, días durante os que os comercios ofrecerán descontos especiais e promocións e os locais de hostalería servirán diferentes tipos de petiscos, onde os queixos do Eume serán os principais ingredientes. As tapas terán un precio de 1,50 euros.

Ao abeiro desta campaña sortearanse dous vales regalo por un valor de 200 euros entre aquelas persoas que realicen catro compras e catro consumicións nos establecementos ponteses adheridos á campaña, e outros dous vales regalo por valor de 100 euros entre a veciñanza e visitantes que realicen dúas compras e dúas consumicións nos locais participantes, vales trocables nos comercios e locais que participan nesta campaña.

Para poder participar, hai que cubrir cos datos persoais e cos selos do comercios, as casillas da tarxeta de participación que facilitarán os comercios e establecementos adheridos á campaña cando se efectúe a primeira compra ou consumición. Unha vez finalizada a campaña, o mércores, 9 de xuño, ás 09:30 horas, na sede Cohempo, realizarase un sorteo público para coñecer os nomes das persoas gañadoras.

Elena López, concelleira responsable da área, agradece “a dedicación e o esforzo das persoas que traballan no comercio e hostalería así como a súa participación neste tipo de campañas que favorecen a economía local, demostrando a súa capacidade de reinventarse e seguir impulsando o sector”

Desde o goberno local, anímase á veciñanza a participar nesta campaña, “apostando por un consumo responsable e solidario que beneficie á nosa contorna máis próxima e seguir construíndo un pobo que, desde o equipo de goberno sabemos que necesita ao comercio e á hostalería para seguir crecendo”.

LISTADO ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES