As Pontes, 9 de novembro de 2022.O Concello das Pontes, no marco das Xornadas Micolóxicas “As Pontes, Terra de Cogomelos”, organiza o primeiro concurso Gastro-Micolóxico de Receitas a base de cogomelos, co fin de potenciar a actividade micolóxica e a micofilia entre a poboación.

Elena López, concelleira de Turismo, Consumo, Hostalería e Comercio, destacou que se trata dunha “iniciativa que ten por finalidade promocionar os cogomelos silvestres na gastronomía e impulsar a riqueza da nosa bisbarra, poñendo en valor una alimento natural e moi saudable”.

Haberá dúas categorías de pratos: salgados e doces, podendo presentarse cada persoa a ambas categorías. Se ben, só poderá ser premiada nunha delas. Neste concurso poderá participar calquera persoa afeccionada á cociña que sexa maior de idade, podendo presentar ata un máximo de 3 receitas. Para participar, deberá enviar as súas receitas a base de cogomelos, acompañada dunha fotografía do prato rematado, ao correo electrónico [email protected]. O prazo para enviar as receitas remata ás 23:59h do día 30 de novembro de 2022. As receitas presentadas deberán mencionar as especies de cogomelos que se empregaron na súa elaboración, indicándose os ingredientes e as súas cantidades necesarias, así como o proceso de elaboración.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de receitas, o xurado do concurso fará un proceso de valoración e seleccionará as seis receitas finalistas (tres por cada categoría). Nesta valoración, atenderase a aspectos como a orixinalidade, a presentación, as técnicas empregadas ou o protagonismo dos cogomelos na receita.

As seis receitas finalistas escollidas polo xurado participarán na fase final do concurso. Para isto, estas persoas concursantes deberán facer entrega do seu prato de forma presencial o día 3 de decembro para que o xurado poida facer a valoración final e seleccionar as dúas receitas gañadoras (unha para cada categoría). Nesta ocasión, ademais dos aspectos anteriormente mencionados, o xurado fará unha valoración do aroma e do sabor do prato elaborado.

Haberá premios e obsequios para todas as receitas finalistas, e para as gañadoras. A entrega de premios realizarase o propio día 3 de decembro na xornada da fase final do concurso. Así mesmo, a concelleira Elena López avanzou que “se elaborará un receitario no que se incluirán as receitas participantes no concurso, contribuíndo a un maior coñecemento e aproveitamento dos cogomelos, así como ao fomento dunha alimentación saudable”. A concelleira lembrou “que é preciso contar con asesoramento de persoas expertas para a recolla de cogomelos para o seu uso na cociña, e que consumidos correctamente son alimentos moi saudables, xa que son ricos en auga, sen graxa, fibra e con proteínas de alta calidade”.

As bases do concurso poden consultarse no seguinte enlace. Para calquera dúbida ou aclaración, pode contactarse a través das vías habilitadas polo Concello para o desenvolvemento das Xornadas Micolóxicas: mediante o correo electrónico [email protected] ou no teléfono 604.047.337.