As Pontes, 16 de decembro de 2024. A concelleira de Industria e Emprego, Ana Pena, inaugurou, esta mañá, acompañada pola Delegada Territorial da Xunta, Martina Aneiros, asistía ao acto de presentación da cuarta edición do Obradoiro Dual de Emprego, organizado polo Concello das Pontes como entidade promotora, en colaboración cos concellos da Capela e As Somozas, e a Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración.

Trátase dun programa mixto de formación e emprego que ten como obxectivo mellorar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e a realización de prácticas profesionais non laborais no ámbito do mantemento de zonas axardinadas, para deste xeito favorecer a súa inserción laboral nun sector cun alto volume de demanda de profesionais tanto na contorna como no propio municipio.

Durante o acto de inauguración do obradoiro de emprego, Ana Pena deu a benvida ás 15 persoas, que, durante 9 meses, participarán nesta acción formativa e animounos a “aproveitar esta oportunidade para mellorar a vosa posición de cara a vosa futura incorporación nun sector cunha alta demanda laboral, tanto no ámbito público como no privado” e aproveitou a ocasión para agradecerlle á asociación Beira do Eume a súa colaboración co programa, cedendo a súas instalacións para levar a cabo a formación teórica do obradoiro que se complementará con formación práctica que se levará a cabo en diferentes espazos axardinados do municipio.

Asi mesmo amosou a súa satisfación pola posta en marcha deste novo programa formativo xa que “desde o Concello das Pontes levamos tempo apostando por fomentar a formación para o emprego, e neste caso cunha nova proposta formativa como é a de mantemento de espazos axardinados. Ademais hai que destacar esta colaboración entre administracións para poder ofrecer á veciñanza ferramentas para que poidan desenvolver as súas competencias profesionais, e así acceder dun xeito máis favorable ao mercado laboral”

A concelleira tamén anunciou a intención do goberno local de continuar apostando pola formación para darlle acceso ós veciños a novas saídas laborais. “Mantemos o noso compromiso de procurar e promover o desenvolvemento, na nosa vila, de todas aquelas iniciativas que poidan contribuír a mellorar a empregabilidade. Continuaremos usando todas as ferramentas que temos ó noso alcance para impulsar a competividade laboral da veciñanza das Pontes”

Obradoiro de emprego Eume IV

Esta cuarta edición do obradoiro dual de emprego de mantemento de espazos axardinados ten unha dotación económica de 348.413 euros, dos cales 308.946 € son aportados pola Consellería de Emprego, Comercio e Inmigración; unha achega de 32.000€ por parte do Concello das Pontes como entidade promotora, e un aporte 4.000€ do Concello da Capela e outros 4.000€ do Concello das Somozas como entidades colaboradoras.