As Pontes, 24 de abril de 2025. – O Concello das Pontes está a desenvolver un proxecto pioneiro no eido da conservación ambiental co obxectivo de estudar e protexer a lagartixa serrana (Iberolacerta monticola), unha especie endémica do noroeste ibérico incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e considerada como “vulnerable”.
A iniciativa conta cun financiamento de 29.100 euros procedentes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, ao abeiro dunha liña de axudas dirixidas á mellora dos parques naturais galegos, e está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
O proxecto está sendo desenvolvido por dúas entidades especializadas —Erebia e 3edata— e céntrase na identificación e seguimento das poboacións de lagartixa serrana no Parque Natural das Fragas do Eume, un dos espazos de maior valor ecolóxico de Galicia.
Segundo explica a concelleira de Axenda Urbana, Elena López, “trátase da primeira vez que unha iniciativa destas características se financia a través desta convocatoria, o que foi valorado moi positivamente polos técnicos da Xunta”.
A lagartixa serrana, tamén coñecida como cantábrica, habita normalmente en zonas de alta montaña, pero nas Fragas do Eume sobrevive en cotas inusualmente baixas, entre os 200 e os 300 metros. A súa presenza nesta contorna está ligada a elementos etnográficos tradicionais como muros de pedra, capelas ou casas antigas, o que lle confire un valor patrimonial engadido.
A proposta inclúe accións de divulgación como roteiros interpretativos e paneis informativos en distintos puntos do parque —entre eles San Pedro de Eume, A Faeira e o encoro— que permiten dar a coñecer a bioloxía da especie e os retos que afronta, especialmente no contexto do cambio climático.
“O proxecto non só busca protexer unha especie singular, senón tamén sensibilizar á poboación sobre a importancia de preservar o noso patrimonio natural e cultural”, sinala López, quen subliña que xa se realizaron actividades con entidades como a Asociación de Discapacitados Activos A Xanela, cunha excelente acollida por parte da veciñanza.
Dende a consultora ambiental Erebia, Gustavo Martínez destaca que a lagartixa serrana é un verdadeiro “relicto climático”, unha especie única que sobreviviu a grandes cambios ambientais e que, debido ao incremento das temperaturas, atópase hoxe en situación de vulnerabilidade.
O Concello manifesta a súa intención de dar continuidade ao proxecto, ampliando as accións de conservación e apostando por restauracións patrimoniais respectuosas coa biodiversidade, sen uso de herbicidas e conservando os ocos naturais das estruturas onde esta especie habita.
Con este proxecto, As Pontes reafirma o seu compromiso coa conservación da biodiversidade e a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento sustentable e consciente dos desafíos ambientais actuais.



























