As Pontes , 31 de decembro de 2020. O Concello de As Pontes e a Deputación da Coruña financiarán de xeito conxunto un proxecto valorado en 228.796,59 euros para levar a cabo unha renovación íntegra do pavillón polideportivo Monte Caxado.

A través deste convenio, aprobado por unanimidade no pleno da Deputación da Coruña, o ente provincial achegará 180.000 euros, o 78,67% do investimento total, para o financiamento do proxecto.

Os traballos que se levarán a cabo inclúen a rehabilitación da cuberta, eliminando o material actual de fibra de cemento e o falso teito de cortiza na zona da pista polideportiva para substituílo por un panel sandwich con illlamento interior e incorporando dous aireadores para mellorar a renovación do aire; a rehabilitación de gran parte da fachada, eliminando o material actual de fibrocemento por un panel coas mesmas características ca o do tellado; instalarase un novo pavimento deportivo de zona elástica e, por último, renovarase a iluminación a tecnoloxía LED.

O presidente da Deputación e alcalde do Concello das Pontes, Valentín González Formoso, explicou que “está e unha obra moi necesaria, o pavillón foi construído a finais dos anos 80 e só sufriu rehabilitacións parciais, e necesita dunha actuación en profundidade para responder á demanda existente no Concello xa que nestas instalacións ademais do uso da propia escola tamén se practican baloncesto, fútbol sala, patinaxe e outras actividades deportivas”, afirmou.