As Pontes, 7 de xuño de 2021. O Concello das Pontes volveu a apostar pola cultura coa celebración, esta fin de semana, da segunda edición do Festival Sons da Bocanoite, cumprindo cun estrito protocolo de seguridade sanitaria.

O concelleiro Vicente Roca, salientou a importancia deste evento co que “a vila cobrou vida e co que voltamos a sentir a emoción de gozar da mellor música en directo ao aire libre. Desde o Concello das Pontes queremos dar as grazas a todas as persoas que fixeron posible que a música voltase ao patio de Santa María, con todas as garantías e seguridade así como a todas as persoas que se achegaron ata As Pontes para vivir unha noite chea de emocións que serán difíciles de esquecer”.

Como mostra, ante o público do Concello das Pontes, actuaron nesta segunda edición bandas de primeira categoría como Pedro Pastor y Los Locos Descalzos, quen golpe a golpe, verso a verso, demostrou que xa é un cantautor sólido e convincente, case de maneira total, porque ademais das súas letras, do profundo coñecemento da música e ritmos do folclore latinoamericano e o clasicismo de cantautor, tamén é capaz de embarcarse en ritmos máis actuais e cunha capacidade de afinación e un timbre de voz límpido e preciosista.

Ao igual que Carmen Boza, acompañada só por baixo e batería, despregou o seu cancioneiro de forma crúa, sen artificios, e profundando por momentos na súa vertente máis funk ou mesmo deixando aflorar acordes de inspiración jazzie, unha posta en escena enérxica e interactiva, que deu paso a Mr. Kilombo. Temas con letras coidadas con mimo e sutileza, convertidas en melodías pegadizas, con retrousos contundentes. É luz, é enerxía e é vitalismo. Isto é o que reflexan tamén a banda local, Astra, os encargados de encher de emoción e bo ambiente o patio do colexio de Santa María.

Durante esta nova cita o seguemento do protocolo de prevención do contaxio da COVID-19 foi fundamental. As persoas que traballaron no evento, o elenco artístico e o público contaron con pautas de protección. Neste sentido, o acceso do público ao recinto foi por invitación que se puido recoller de maneira presencial, telefónica ou por correo electrónico e dentro do recinto, todos os asistentes levaban sempre máscara e gardaban a distancia física entre persoas.

Sen dúbida, unha xornada completa que serviu para concluír un festival que, un ano máis, está a apostar pola cultura no Concello das Pontes.