As Pontes, 4 de outubro de 2021. O Concello das Pontes, tras a entrada en vigor da ORDE do 29 de setembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, adapta o protocolo Covid 19 da piscina municipal e o seu ximnansio, coa finalidade de garantir a seguridade e a saúde das persoas usuarias das instalacións.

Así, desde o hoxe, auméntase o aforo da instalación deportiva a un máximo de 60 persoas mentres que o aforo do ximnasio quedará limitado a un máximo de 10 persoas.

Mantense o tempo máximo de estancia na instalación que continuará sendo de de 60 minutos, a contar desde a entrada ata o momento de saída da instalación. Despois de cada quenda de baño e de uso do ximnasio procederase á limpeza das superficies comúns e tamén se procederá á desinfección do material auxiliar.

Por outra banda, xa non será preciso realizar unha solicitude previa para usar a instalación, levándose o control do aforo na entrada da instalación para evitar, en todo momento, exceder os aforos máximos.

A instalación continuará tendo unha porta de acceso e outra de saída e haberá diversos puntos de hixiene con hidroxeles, papeleiras e papel desbotable a disposición das persoas usuarias.

O uso da máscara será obrigatorio nas zonas de tránsito e zonas comúns, só podendo retirala no momento de acceder ao vaso de baño, onde se depositarán nas zonas delimitadas, segundo protocolo  Covid, nas que cada persoa usuaria deixará as súas pertenzas.

O horario de apertura das instalacións será de de luns a venres, de 08:00 a 14:00 e 16:00 a 22:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, permanecendo pechadas o domingo.