As Pontes, 22 de xullo de 2025. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, visitou onte a exposición de maquetas de Manuel Barro, veciño pontés, apaixonado do modelismo, na Asociación veciñal da Magdalena.
A mostra, aberta ao público desde as 16:00 ata as 21:00 horas, ata o día 23 de xullo, recolle unha ampla colección de maquetas elaboradas a man por Barro, entre as que se atopan avionetas, maquinaria agrícola, barcos, motocicletas, retiros e moitas outras reproducións.
Durante a visita, o alcalde estivo acompañado pola concelleira delegada da Área de Axenda Urbana, Turismo, Deporte e Promoción Económica, Elena López. Ambos quixeron felicitar persoalmente ao veciño pontés polo seu traballo, no que “cada peza reflicte a minuciosidade, paciencia e dedicación dun traballo feito con paixón ao longo de anos”
Ademais desta mostra puntual, Manuel Barro conta cunha exposición permanente, conformada por 70 maquetas, na Escola de Saa, sobre os equipos e enxeños empregados na extracción de carbón na vila, que se pode visitar previa cita no no teléfono 981 45 31 16.
Desde o Concello invita á veciñanza a visitar ambas mostrar e felicitan a Manuel Barro polo seu compromiso co modelismo e pola súa xenerosidade ao compartir este traballo co público, contribuíndo a poñer en valor a creatividade e a paixón que moitos veciños e veciñas dedican ás súas afeccións.


























