Máis dun cento de veciñas e veciños das Pontes acudiron hoxe a primeira hora da mañá a unha cita do máis tradicional, a primeira das misas de novena coa que se daba o pistoletazo de saída á programación litúrxica das festas do Carme e A Fraga de 2016.

A praza da Capela do Carme volvía ser, por segundo ano consecutivo, o escenario escollido para albergar esta celebración, de ahí que para os vindeiros días se volvese instalar unha carpa para acoller a todos os fideis que acuden día tras día a esta cita e, deste xeito, evitar a masificación da capela do Carme cos problemas que iso xerou en anos anteriores.

Como é habitual, a convocatoria arricou co rosario e uns minutos para a oración persoal ao que seguiu a tradicional misa de novena que estivo encabezada polo canto do himno á nosa patroa.

Ao igual que xa acontecía o pasado ano, para a celebración das misas de novena o equipo pastoral de Santa María de As Pontes, contará coa colaboración de sacerdotes doutras parroquias, neste caso Juan Pablo e Óscar, recentemente ordenados, e que, ao longo destes días, participarán nas tres celebracións diarias da misa de novena que se desenvolverán tanto na Capela do Carme ás 7.40 e ás 20.00 horas, coma na Igrexa Parroquial, dende as 19.00 horas.

A programación litúrxica para estes días de festa completarase o día 15, ás 20.00 horas coa Misa do Carme e a ofrenda floral á nosa patroa, na capela que leva o seu nome; coas tradicionais procesións de baixada e subida da Virxe os días 16 e 17 e xa, o luns 18, ás 12.30 coa misa de santa María Magdalena e a súa procesión tamén na Capela do Carme.