As Pontes, 20 de outubro de 2020. O Concello das Pontes coa colaboración da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes (COHEMPO) pon en marcha unha nova campaña de dinamización do comercio e da hostalería co obxectivo de impulsar dous sectores esenciais na economía local.

A campaña Outonía. Petisca e merca preto de ti” celebrarase entre os días 29 de outubro e 1 de novembro, datas durante as que os comercios ofrecerán descontos especiais e promocións e os locais de hostalería servirán diferentes tipos de petiscos onde os fungos e os cogomelos serán os principais ingredientes.

Ao abeiro desta campaña sortearanse dous vales regalo por un valor de 200 euros entre aquelas persoas que realicen catro compras e catro consumicións nos 50 establecementos ponteses adheridos á campaña, e outros dous vales regalo por valor de 100 euros entre a veciñanza e visitantes que realicen dúas compras e dúas consumicións nos locais participantes, vales trocables nos comercios e locais que participan nesta campaña.

Para poder participar, hai que cubrir cos datos persoais e cos selos do comercios, as casillas da tarxeta de participación que facilitarán os comercios e establecementos adheridos á campaña cando se efectúe a primeira compra ou consumición. Unha vez finalizada a campaña, o venres, 6 de novembro, ás 10:00 horas, na sede Cohempo, realizarase un sorteo público para coñecer os nomes das persoas gañadoras.

Elena López, concelleira responsable da área, manifestou que “esta campaña foi ideada e deseñada nun momento complicado para o noso municipio e para as persoas que se dedican ao comercio e a hostalería e obedece á necesidade de poñer en funcionamento estes sectores”

Ademais, agradeceu “a dedicación e o esforzo da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes para desenvolver este tipo de campañas que favorecen a todo o comercio e a hostalería local, demostrando a súa capacidade de reinvertarse e seguir impulsando o sector”

Desde o goberno local, anímase á veciñanza a participar nesta campaña, “apostando por un consumo responsable e solidario que beneficie á nosa contorna máis próxima e seguir construíndo un pobo que, desde o equipo de goberno sabemos que necesita ao comercio e á hostalería para seguir crecendo”.