As Pontes, 5 de febreiro de 2020. O vindeiro mércores, 12 de febreiro, a partir das 17:30 horas, a aula polivalente da Casa Dopeso acollerá a activade «Igual a Nós».

Trátase dunha actividade promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade, a través da FEGAMP, nos concellos pertencentes á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero da que forma parte As Pontes.

Esta actividade, orientada a mulleres adultas, ten como obxectivos prioritarios promover e sensibilizar na educación en igualdade, a corresponsabilidade e a prevención da violencia de xénero, concienciando ás persoas para a ruptura dos estereotipos de xénero.

A través desta iniciativa tamén se quere potenciar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta de comunicación e formación e crear un espazo de encontro para mellorar a autoestima persoal e grupal das mulleres.

A actividade terá unha duración dunha hora e dividirase en dous bloques. En primeiro lugar, tras unha breve explicación da actividade, levarase a cabo unha representación escénica dirixida a abordar conceptos básicos sobre igualdade empregando as novas tecnoloxías como eixo vertebrador.

A continuación, tras a representación escénica, haberá tempo para realizar unha reflexión grupal na que, a través dun coloquio, as persoas participantes poderán expoñer as súas inquedanzas e reflexións. Ademais afondarase e tratarase de clarificar conceptos abordados na representación tales como a coeducación, a corresponsabilidade ou a aplicación EscApp.

A actividade rematará cunha perfomance contra a violencia de xénero que ten como obxectivo reforzar o aprendido e procurar cambios que permitan evolucionar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.