As Pontes, 29 de maio| O Concello de As Pontes quere poñer freo ao incivismo de algúns propietarios de cans que non respetan a normativa establecida para a boa convivencia entre viandantes e animais de compañía.

Logo de constatar que se seguen a empregar zonas vetadas ó paseo cos cans, e sobre todo, que non se está a proceder á recollida das súas deposicións, decidíase dar un aviso denantes de aplicar con rigor a punibilidade fixada para estes casos.

Dende o Concello está a constatarse o incremento da suxedade producida en beirarrúas, e parques públicos polas deposicións dos cans, o que igualmente está xenerar moitas queixas entre os veciños e veciñas.

Dende a Concellería de Medio Ambiente decidiuse asumir o papel que lle corresponde co obxectivo de tentar eliminar este tipo de residuos, lembrando que as ordenanzas municipais para a protección dos espazos públicos contemplan sancións no caso de que as deposicións queden nas beirarrúas, xardíns, parques ou outras zonas destinadas ó tránsito peonil.

Daquela a persoa que conduza o animal está obrigada á súa limpeza inmediata.

Será a Policía Local a encargada de vixiar o cumprimento da normativa, e transcorrido un tempo prudencial en que se insistirá nos avisos procederá a impoñer as multas correspondentes.

A vixilancia incrementarase especialmente na zona de herba da praia do lago, onde non se respeta a prohibición de acceder con cans, ó igual que na Fraga, onde se repite este incumprimento.