As Pontes, 14 de abril de 2025. O Concello das Pontes ven de rematar os traballos de mellora de pavimentos e servizos no Poboado da Fraga (sexta fase), un proxecto cun orzamento total de 162.244,19€, financiado con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, e que afectou principalmente á Rúa Maruja Mallo que, tras desta inversión, xa conta cos mesmos servizos renovados e unha estética acorde coa que presentan o resto de rúas do poboado.
En canto ás obras, renovouse o pavimento das beirarrúas con lastras de formigón recto mentres que a separación entre a beirarrúa e as zonas verdes realizouse con bordo de xardín, mantendo os criterios estruturais e estéticos das fases anteriores, e co mesmo tipo de materiais.
Tamén se procedeu á substitución do saneamento de augas pluviais por colectores de PVC e a execución das acometidas domiciliarias. Así mesmo procedeuse á renovación do alumeado público coa colocación de novos báculos e luminarias ao longo da beirarrúa, coa instalación das canalizacións e cabreados necesarios, creándose tamén a canalización para telecomunicacións.


























