O 25 de novembro é un día que nos atravesa como sociedade, coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as
Mulleres. Unha data de memoria, de denuncia e de compromiso. Unha xornada para recordar a todas as mulleres asasinadas a mans da violencia machista, para acompañar ás superviventes e ás súas familias. E un día de determinación colectiva para renovar o compromiso da sociedade cunha vida libre de violencia para todas as mulleres e nenas.

A Violencia de Xénero é a expresión máis extrema dunha desigualdade histórica. É unha violación de dereitos humanos, un ataque directo aos valores democráticos e á dignidade das mulleres. Trátase dunha violencia estrutural dirixida cara ás mulleres polo mero feito de selo. Non é un fenómeno illado. É un problema de Estado e combatelo non é só unha responsabilidade política, senón un imperativo ético.

A realidade obríganos a non baixar a garda: En 2025, 38 mulleres foron asasinadas, dúas delas en Galicia. Ademais, tres menores foron asasinados en contextos de violencia vicaria e 486 nenas e nenos quedaron orfos. Desde 2003, son 1.333 as vidas arrebatadas e desde 2013, 65 menores foron asasinados, vítimas da violencia vicaria. Detrás de cada cifra hai un nome, unha historia, unha familia rota. Non hai espazo para a indiferenza nin para a
equidistancia. Ou estamos coas vítimas, ou alimentamos o silencio que as desprotexe.

Condenamos cada acto, a cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela. Negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia, e fronte a iso as institucións debemos manternos firmes, unidas e comprometidas.

Sabemos que a desigualdade estrutural segue presente nas vidas das mulleres. Os estereotipos e patróns de xénero continúan nos ámbitos da economía, da cultura, da política e do deporte, atacando o corazón mesmo da liberdade e da democracia.
E cando o feito de ser muller se entrecruza con outras identidades, como a orixe, a etnia, a idade, a discapacidade ou a orientación sexual, a situación vólvese máis complexa e vese agravada por outras formas de discriminación que tamén existen na nosa sociedade.
A súa expresión máis cruel é a violencia de xénero, alicerzada nun sistema patriarcal que perpetúa o control e a desigualdade.

Debemos erguer a voz por aquelas mulleres que atopan máis barreiras para acceder á información e á protección: mulleres con discapacidade, maiores, migrantes ou que non dominan as nosas linguas.

Hoxe, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, é unha data fundamental para dar visibilidade a todas as formas de violencia que se exercen sobre nós, sendo necesario apuntar directamente sobre aquelas que están máis invisibilizadas aos nosos ollos.

O que non se ve, non existe e dar visibilidade á violencia contra as mulleres non é un xesto, é unha mensaxe ás vítimas, aos agresores e ao conxunto da sociedade. Por isto, co lema “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”, o Concello das Pontes quere facer un chamamento á responsabilidade compartida e afinar a mirada fronte ás desigualdades e as violencias machistas que permanecen ocultas.

Poñendo o foco na realidade das rapazas máis novas, as cales tamén viven nun sistema patriarcal onde a violencia de xénero, e especialmente a violencia sexual, é unha das moitas manifestacións da violencia machista que enfrontan acotío.

Entre moitos dos datos cos que contamos podemos destacar que o 46,1% das mulleres novas sufriron algún tipo de violencia psicolóxica por parte das súas parellas. O 22,6% das rapazas que sufriron algún tipo de violencia sexual afirman que o agresor foi un amigo home e o 9,2% un compañeiro de clase. A violencia contra as mulleres está relacionada co uso das tecnoloxías no 82% dos casos de violencia de xénero na adolescencia.

Realidades que nos poden parecer alleas, pero que están moi preto de nós, ao
noso carón, día tras día. Cando consigue saír á luz, a violencia física, máis identificable ou perceptible, é a que fai saltar as alarmas máis veces. Pero o maltrato ás mulleres prodúcese acotío, en case todos os ámbitos da vida e baixo distintas formas: discriminación, violencia, vexación, dominio, ameaza, acoso, enmudecemento,
privación…
Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, aumentar os recursos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados… por iso, queremos incidir na prevención, na educación, na denuncia, no rexeitamento e na necesidade de non gardar silencio ante calquera tipo de violencia sobre a muller.

É por isto que desde o Concello das Pontes asumimos a nosa responsabilidade de promover a igualdade e erradicar todas as formas de violencia que se exercen contra as mulleres, con independencia da súa orixe, etnia, credo, idade, orientación sexual ou diversidade funcional.

Resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. As entidades locais debemos ser as principais axentes na loita contra a violencia pola nosa proximidade á cidadanía, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións e as condutas discriminatorias cara as mulleres.

Só unha sociedade na que as mulleres non sufran violencia por ser mulleres pode ser considerada libres, só unha democracia libre de violencia machista é unha democracia plena.

Somos conscientes da importancia de impulsar políticas, programas e recursos que non só rexeiten a violencia, senón que tamén preveñan a súa manifestación. E esta campaña de sensibilización forma parte do noso compromiso institucional en prol da igualdade.

Temos a certeza de que é hora de poñer en práctica unha mirada crítica sobre a nosa contorna. Só se afinamos a nosa mirada seremos capaces de ver os prexuízos, estereotipos e estigmas sociais que temos normalizados e que dan lugar a situacións de discriminación e violencia cara as mulleres.

Quedan moitas cousas por facer, non é fácil o camiño, pero nunca nos sairemos de el. Por todas as mulleres, as que estamos e e as asasinadas, vítimas da violencia machista.