RTVEume | Conta atrás xa para a que será a 15ª edición da Festa do Camioneiro e é que, este mesmo sábado, os grandes xigantes das estradas volverán tomar as principais avenidas e rúas pontesas para dar mostra do seu gran poderío sobre o asfalto e o importante volume de empregos e familias que viven, cada día, grazas a estes mastodontes das estradas.
O programa da xornada é do máis atractivo, ben cedo xa poderemos sentir as bocinas e ruxir dos motores dos camioneiros participantes que, ás 9:00 da mañá, se concentrarán no barrio da Casilla para desfrutar duns pinchos e preparar a tradicional roita polas rúas do centro urbano.
Precisamente, ás 10.30 dará comezo este paseo que contará cunha hora de duración e que rematará nas inmediacións da canle IV onde quedarán aparcados os vehículos participantes.
Posteriormente, a actividade trasladarase ata as rúas máis céntricas do casco urbano, coma a avenida de Galicia ou da Coruña, onde quedarán instaladas exposicións de vehículos tanto clásicos coma modernos e ata haberá diferentes actividades de animación.
Outra das convocatorias que non podían faltar nesta xornada é a homenaxe aos que xa non están. Será cunha misa ás 13:00h da tarde na Praza de América, á que seguirá unha exhibición de bailes de salón a cargo dos integrantes do colectivo cultural Lembranza da Vila e unha sesión vermú.
Xa para as 14.30 da tarde temos o tradicional xantar popular, na carpa habilitada no colexio de Santa María, tralo que se entregarán as placas de recoñecemento a camioneiros xubilados ou aos familiares dos que nos abandoaron neste último ano.
E pola tarde tamén teremos outro tipo de opcións para desfrutar da xornada, xa que ás 18:00h terá lugar unha exhibición de camións de carreiras e ás 20:00h outra exhibición pero de coches teledirixidos.
Para poñer o punto e final á xornada, teremos novamente música, dende as 22:00h, coa verbena coa que se pechará esta festa e na que, á medianoite, tamén se procederá a sortear un Seat Mii. Para o que nos podemos aínda facer con algunha rifa ao prezo de 5 euros nos diferentes bares e comercios da nosa vila. Un premio inmellorable para que algún afortunado ou afortunada peche con moi bo sabor de boca esta xornada de sábado.