oznorCO

As Pontes, 28 de xuño de 2021. A Concelleira de Educación, Tania Pardo, clausurou esta mañá, unha nova edición do programa de atención educativa á infancia e adolescencia posto en marcha fai case unha década polo Concello das Pontes.

Trátase dun programa que ten como obxectivos prioritarios dinamizar e fomentar a aprendizaxe a través de actividades que permiten traballar aspectos clave para o desenvolvemento dos/das menores como son a autoestima, a motivación, o compañeirismo ou a solidariedade.

A edil subliña que este programa amosa o compromiso do goberno local coa integración e coas políticas sociais como instrumento de mellora da calidade de vida dos ponteses e pontesas e como ferramenta para a creación de novas oportunidades para toda a veciñanza en igualdade de condicións”.

Nesta edición participaron unha vintena de mozos/as, con idades comprendidas entre os 6 e os 17 anos, que, polas súas circunstancias persoais, familiares ou económicas, se atopaban nunha situación de vulnerabilidade e precisaban de atención personalizada no ámbito académico e persoal.

As actividades incluídas neste programa foron de carácter educativo, formativo e de lecer, estando todas elas orientadas a reforzar os procesos de aprendizaxe, mellorar as competencias educativas, fomentar a autonomía persoal e a capacidade de análise así como a potenciar hábitos de vida saudables e o autocoiddo. Todas elas compleméntanronse con outros programas de apoio que se realizan desde o departamento de Benestar Social.

Entre a oferta de actividades que se puxo a disposición do alumnado destacan a clases de reforzo educativo, visitas domiciliarias e acompañamento ao alumnado absentista en colaboración cos centros de Educación Primaria e Educación Secundaria do municipio así como talleres, durante o período de vacacións, sobre hixiene, reciclaxe, convivencia, lectura comprensiva ou fomento da vida saudable.

Tania Pardo, responsonsable da área apunta que “ todas as actividades estiveron dirixidas a que as familias entenderan a importancia da formación no futuro dos seus fillos e fillas, tratando de involucralas activamente na dinámica escolar. Os pais e as nais son unha das pezas fundamentais destes programas e precisamos da súa implicación e participación para acadar mellores resultados”