As Pontes, 19 de febreiro de 2020. O Concello das Pontes e as empresas Delagro, Delicias Coruña, Biomasa Forestal, Adera, Dalcore, Evalan e Seawind Global Energy unirán esforzos para ofrecer formación a medida e promover a inserción laboral no municipio.

A través deste acordo, o Concello comprométese a poñer en marcha accións de formación profesional á carta, axustadas ás necesidades reais do tecido empresarial local, dirixidas a mellorar a empregabilidade da veciñanza pontensa e permitindo que as persoas demandantes de emprego melloren a súa cualificación profesional.

Así mesmo, trátase dunha formación con compromiso de contratación, polo que todas as empresas asumen o compromiso de inserción dunha porcentaxe das persoas que participen nas accións formativas levadas a cabo nas súas instalacións.

Desde o Concello, Ana Pena, responsable de Emprego, sinala que “por medio deste acordo, o Concello das Pontes busca mellorar as posibilidades laborais da veciñanza, impulsar a súa formación e abrirlles o acceso a novos ámbitos laborais ao memo tempo que tratamos de manter e estimular a actividade de pequenas e medianas empresas asentadas na vila”.

A edil tamén apunta que o Concello das Pontes seguirá con esta liña de actuación no seu obxectivo prioritario de traballar polo emprego. “Os empresarios e empresarias son parte fundamental para poder falar dunha inserción laboral real, seguiremos conveniando formación á carta co tecido empresarial que cumpra co obxectivo final de crear novos postos de traballo na nosa vila para as nosas veciñas e veciños