As Pontes, 12 de novembro de 2025. O Concello de As Pontes continúa avanzando cara a unha xestión máis sostible dos residuos coa posta en marcha dunha campaña de compostaxe doméstica, que comezou, esta semana cunha sesión informativa e entrega de material celebrada no Lar.
Durante o encontro, no que participaron 26 novas familias, explicáronse os principios básicos da compostaxe e repartíronse de balde os composteiros individuais. Deste xeito, amplíase a rede de fogares ponteses comprometidos coa autoxestión dos biorresiduos e coa redución da xeración de lixo orgánico.
A compostaxe doméstica permite transformar os restos de cociña e xardín nun abono natural de alta calidade, reducindo o impacto ambiental, mellorando a fertilidade dos solos e contribuíndo a un modelo de economía circular no que os recursos se aproveitan ao máximo.
As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa poden consultar toda a información actualizada na páxina web www.aspontes.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico [email protected].
Esta acción enmárcase no proxecto O Camiño Sostible, promovido polo Concello de As Pontes co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU.
O programa forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible, local e participativo, que involucra á cidadanía na valorización dos seus propios residuos e na construción dun futuro máis verde.



























