As Pontes, 16 de setembro de 2022. O auditorio da Casa Dopeso das Pontes foi a sede escollida hoxe para a inauguración da I exposición e proba con vehículos de enerxías alternativas que organiza a FAEPAC, en colaboración co Concello pontés e a Deputación da Coruña.

Desde esta mesma tarde e ata o domingo, o núcleo urbano das Pontes acollerá esta exhibición de máis de 50 vehículos de todo tipo de enerxías alternativas incluíndo bicicletas, motos, patinetes e maquinaria, así como complementos para a recarga dos mesmos.

Ao acto de inauguración de hoxe acudiron Jesús Castro, director da FAEPAC; Antonio Alonso, tenente de alcalde do Concello dás Pontes; José Castro, presidente de Seara; e Luís Miguel Varela, xerente da Asociación Galega de Hidróxeno Verde. Tamén acompañou a xornada Jose Ramón Alonso, concelleiro de Medio Ambiente do Concello dás Pontes.

Tras o acto no auditorio pontés, as autoridades realizaron un percorrido polo núcleo urbano para visitar a todas as empresas expositoras.

O tenente de alcalde, Antonio Alonso, destacou no acto de inauguración “a importancia de que As Pontes, como municipio de gran tradición enerxética, acolla a celebración deste evento no marco da Semana Europea da Mobilidade.” “Confiamos en que todas as persoas visitantes poidan coñecer de primeira man os novos métodos de desprazamento máis eficientes e intelixentes”, engadiu Alonso.

Na mesma liña, o director da FAEPAC, Jesús Castro, agradeceu “a todos os concesionaros que participan nesta I exposición e proba con vehículos de enerxías alternativas” e puxo en valor “a gran oportunidade que temos con esta mostra de poñer en valor e fomentar as políticas de aforro e eficiencia enerxética, así como a promoción das enerxías renovables no ámbito local”.

A mostra situarase durante estes tres días en varios puntos do centro do municipio: a avenida de Ferrol, avenida de Coruña, rúa Ramón Cabanillas, rúa Alexandre Bóveda, así como diante da Casa do Concello e do mercado municipal. A xornada de apertura de hoxe terá un horario de 16:00 a 20:00 horas, mentres que sábado 16 e domingo 17, en xornada completa de 10:00 a 20:00 horas.

Participarán 20 concesionarios e haberá 6 vehículos a proba A exposición contará cun total de 20 concesionarios participantes: #Finisterre Motor (Hyundai), Corgal Automóbiles (Kia), Galcar (Fonda e Mitsubishi), Talleres Valera (Citroën), Louzao Mercedes (Mercedes), Inturasa (Piaggio), Grupo Caeiro (Renault), Grupo Dimolk (Peugeot e Nissan), Merenauto Coruña (Volvo), Grupo Breogán (Toyota e Lexus), Taller mecánico CRAF (Renault Trucks), ESM – Electric Sun Mobility (Tesla), Bicis Roca, Decathlon, Motos Grobas, IES Villalba (Toyota Mirai Hidróxeno), Luo Kai, Motiños e Montaxes As Pontes.

Ademais, haberá 6 vehículos a proba para todas as persoas visitantes por cortesía dos concesionarios Corgal Automóbiles, que poñerá a disposición 2 Kia; Grupo Dimolk, que dispoñerá de 1 Peugeot e 1 Nissan; e Grupo Breogán que ofrecerá 1 Toyota e 1 Lexus.

Estes vehículos de proba estarán situados tanto diante da Casa do Concello das Pontes, como nos arredores do mercado municipal. Durante os tres días da exposición urbana, as persoas visitantes poderán probar e/o analizar vehículos de diversos combustibles alternativos, tales como a electricidade (100% eléctricos ou híbridos), gas natural, GLP, biocarburantes, hidróxeno ou combustible P.Series. Ademais, ofrecerase a posibilidade de coñecer outros métodos de desprazamento que favorecen os beneficios ambientais e económicos como son o Smart Mobily, unha forma de mobilidade intelixente e eficiente.