Para axudar aos ponteses e pontesas á hora de afrontar os gastos que supón a volta á escola, o Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Benestar social abría o venres 11 de setembro, o prazo para a solicitude de axudas dirixidas a afrontar os gastos orixinados pola compra de libros ou material escolar, aínda que neste caso para os alumnos e alumnas que realicen a matrícula neste mes de setembro nas modalidades de bacharelato e ciclos formativos.

Ata o mércores da vindeira semana será posible presentar a documentación pertinente para beneficiarse dunhas axudas de 140 euros por solicitante, sempre e cando se cumpran os requisitos recollidos nas bases desta convocatoria.

Así as cousas, poderanse beneficiar destas axudas o pai /nai, ou titor legal do alumnado empadroado no termo municipal das Pontes que vaian cursar Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior.

Os ingresos da unidade familiar non deberán superar os 19.500 euros a non ser que se trate dunha familia numerosa onde o umbral se incrementará en 602 euros a partires do terceiro fillo. É necesario tamén presentar a solicitude de reserva para continuar no centro escolar ou solicitude de admisión para un posto escolar nun centro sostido con fondos públicos.

Asemade, terase en conta a situación familiar, previo informe dos Servizos Sociais do Concello, no caso de producirse algunha variación económica, social ou familiar durante o ano 2015, e será necesario estar ao día nas obrigas tributarias correspondentes.

No tocante á documentación á presentar é necesario incluír a fotocopia do DNI do solicitante, certificación do padrón municipal da unidade de convivencia; un xustificante de ingresos, fotocopia da matrícula no centro correspondente e o impreso de solicitude debidamente cuberto.

Toda esta documentación pódese achegar ata o rexistro xeral do concello dende hoxe mesmo e ata o vindeiro día 16, en horario de mañá de 8 a 2 da tarde. As bases tamén se poden recoller nestas mesmas oficinas ubicadas na pranta baixa da casa consistorial.