RTVEume| Ademáis de estar a traballar na preparación da terceira edición da Carreira da Muller de A Coruña, o clube Olympo tamén está inmerso na captación de novos integrantes para as categorías de base desta entidade e xa ten aberto o prazo para sumarse á Escola Municipal de atletismo 2015-2016.

Para este ano contarase con dous grupos: os menores que inclúen aos prebenxamíns, benxamíns e alevíns e o grupo de maiores que engloba aos infantís, cadetes, xuvenís e junior.

Ao igual que o pasado curso, os adestramentos do grupo de menores terán lugar os mércores e venres, de 17:30 a 18:30 da tarde, nas dependencias do polideportivo do instituto Moncho Valcarce e estarán dirixidos por Susana Castro e César Ramil, mentras que o grupo de maiores adestrará os martes, mércores e venres de 17:30 a 19:00h baixo as ordes de Miguel Vilaboy.

Todos os rapaces terán licenza federativa e poderán participar en programas coma o Xogade, ademáis doutro tipo de probas federadas. No tocante ao inicio dos adestramentos, o grupo dos máis pequenos xa iniciaba esta tarde os seus adestramentos namentras que os maiores non terán a súa primeira sesión ata o vindeiro 7 de outubro.

Para anotarse tan só é necesario achegarse ata os adestramentos e alí cumprimentar a pertinente matrícula, unha vez rematen os mesmos. Asemade, tamén será posible obter máis información enviando un correo electrónico a [email protected].

E sen abandoar o capítulo adicado aos adestramentos en instalacións municipais, precisamente dende a concellería de deportes, vense de anunciar que xa está aberto o prazo para a reserva de instalacións deportivas durante a tempada 2015-2016.

Así ata o vindeiro día 25, todos aqueles equipos que desexen reservar calquer instalación municipal para todo o curso deberán cubrir o pertinente impreso que se pode recoller nas oficinas da Concellería de deportes, no polideportivo municipal da Fraga, de luns a venres entre as 9:00 e as 14:00h da tarde.