As Pontes 25 de Setembro do 2017.

As Pontes implanta, co apoio de Sogama, un proxecto medioambiental pioneiro que combinará a compostaxe doméstica e a vermicompostaxe.

  • O obxectivo non é outro que promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe e reducir a produción de residuos domésticos.
  • Sogama encargarase de subministrar ao concello 50 recipientes para levar a cabo esta iniciativa noutros tantos fogares. Mentres que 25 deles serán dotados con vermicomposteiros, outros 25 o serán con composteiros domésticos.
  • Técnicos especialistas ao servizo da empresa pública impartirán cursos presenciais en ambas modalidades para formar aos usuarios finais e garantir con isto a alta calidade do abono resultante.
  • Así mesmo, entregaránselles manuais didácticos e divulgativos de apoio cos que poderán complementar as instrucións recibidas, correspondendo o seguimento do programa ao propio concello.

As Pontes de García Rodríguez, co apoio de Sogama, implantará un proxecto combinado da compostaxe doméstica e vermicompostaxe, pioneiro en Galicia, que ten por obxecto reciclar a materia orgánica en orixe e, polo tanto, pechar o círculo de aproveitamento da mesma nos propios fogares. Así o dou a coñecer esta mañá na Ecoescola das Campeiras, e ante un nutrido grupo de veciños e representantes locais, a Primeira Tenente Alcalde do concello, Montserrat García Chavarría, no transcurso dun acto no que estivo acompañada polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, quen abundou no carácter innovador da iniciativa, sendo a primeira vez que a entidade pública colabora na implantación dun programa destas características, distinguido pola integración de dúas técnicas de tratamento da fracción orgánica dos residuos que, aínda que diferentes desde o punto de vista conceptual, veñen a complementarse entre si cun fin común: reducir a xeración de refugallos domésticos e transformalos en recursos.

Neste sentido, a portavoz municipal manifestou que a experiencia instaurarase nun total de 50 vivendas. Mentres que 25 incorporaranse ao ámbito da autocompostaxe, as outras 25 faranno ao da vermicompostaxe, recibindo os usuarios finais a formación específica e necesaria en cada caso. Os 50 recipientes serán subministrados por Sogama.

BENEFICIOS

Montserrat García aludiu aos grandes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais, que esta iniciativa pode representar para a localidade.

Desde a dimensión ambiental, porque se contribúe a reducir a frecuencia de recollida e transporte do lixo e, polo tanto, as emisións de CO2; desde a económica, porque se minora o importe da factura que o concello debe pagar a Sogama; e desde a social, porque se recupera unha práctica tradicional en Galicia como é a separación dos restos orgánicos, ben para alimento do gando ou ben para a elaboración de compost.

FORMACIÓN: EIXE DO PLAN

A fin de garantir o éxito deste novidoso proxecto, Sogama porá a disposición do concello técnicos especialistas na materia para que poidan informar, formar e asesorar aos participantes que finalmente se adscriban ao mesmo.

Neste sentido, prevese a organización e execución de dous cursos presenciais. Un deles centrarase na compostaxe doméstica, detallando os pormenores da técnica a aplicar e explicando todos os detalles do proceso: desde a propia colocación do composteiro ata os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, e control de parámetros tales como a temperatura e a humidade, entre outras cuestións.

Mesmo modus operandi seguirase no caso do curso sobre vermicompostaxe, instruíndo aos participantes na técnica vinculada á xestión das miñocas, que inxiren a materia orgánica transformándoa nun humus de excelentes propiedades fertilizantes para o solo. Aquí será importante centrar a atención no tipo e tamaño dos alimentos a introducir no vermicomposteiro, forma de subministrarlos, mantemento do recipiente e produtividade do sistema.

Tamén se entregará aos veciños manuais específicos de apoio para cada sistema, nos que se explica pormenorizadamente as fases a seguir para a obtención dun bo compost, dúbidas máis frecuentes, erros máis comúns e formas de solventalos.

O seguimento do proxecto corresponderá ao propio concello.