As Pontes, 12 de xullo de 2021. As Pontes vibrou, esta fin de semana, coa proposta musical do festival Orballo Cultural na que se fusionaron os sons da música tradicional coa música electrónica, a música pop e o trap da man Verto, Ptazeta, Baiuca e o artista local Manufa.

O concelleiro de Cultura, Vicente Roca, valorou moi positivamente este festival, ao que asistiron preto de 500 persoas e “que permitiou achegar á veciñanza das Pontes e ao público procedente de moitos lugares de Galicia novas propostas musicais que están a xurdir no panorama galego e nacional que, pouco a pouco, se están facendo un oco”

Así mesmo fíxose eco da satisfacción do público que se achegou ata o patio do Colexio Santa María atraído por unha aposta musical diferente e que puideron gozar da cultura con todas as garantías de seguridade, facendo fincapé na organización do evento e na distribución do espazo así como no control das medidas sanitarias.

Por outra banda, tamén quixo trasladar a mensaxe unámide de tod@s @s artistas que participaron no Orballo Cultural sobre a cercanía e a enerxía que desprendía o público pontés, facendoos gozar da emoción e as mellores sensacións da música en directo.

O Orballo Cultural pontés comezou o sábado cunha sesión vermú ás 12.30 horas amenizada por Verto que cos seus ritmos pop, trap e disco fixeron ao público das Pontes erguerse das súas cadeiras.

Ás 21:30 horas foi a quenda de Ptazeta, acompañada no escenario polo productor e DJ Juacko, que amosou a súa esencia sobre o escenario con temas moi pegadizos coas mulleres coma grandes protagonistas. A noite pechouna o artista pontés, Manufa, que na súa primeira actuación en público non defraudou ao público.

O domingo ás 12.30 horas foi a quenda para Baiuca e a súa banda quen amenizou a xornada ca súa renovación da música tradicional galega cunha posta escena que non deixou indiferente a ninguén, cunha parella de baile galego que foi acompañada polo público desde as súas cadeiras.