As Pontes, 13 de xullo de 2021. O salón de plenos do Concello das Pontes acolleu, esta mañá, a presentación do cupón da Once dedicado ao Lago das Pontes, que se sorteará o día 17 de xullo e se comercializará a través do 200.000 axentes vendedores de toda España.

Na presentación participou a Concelleira de Turismo, Elena López e o presidente da Delegación Territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro.

Elena López amosou a súa satisfacción pola elección do Lago das Pontes para ilustrar a versión en papel do cupón da ONCE e agradeceu á entidade esta iniciativa que “permite que nos poidamos posicionar a nivel nacional e aumentar a visibilidade dun recurso turístico tan prezado e lograr que máis persoas nos visiten atraídas polo lago e que se converta nun reclamo para que a nosa vila e a nosa comarca sexa máis coñecida”

Pola súa banda, Carlos Fernández destacou o valor deste cupón, do que se van a comercializar 5,5 millóns de unidades en todo o territorio nacional xa que “representan unha oportunidade para a ilusión pero aínda algo máis importante, unha oportunidade de vida para moitas persoas con discapacidade que o terían máis complicado se non fose por todo o que se logra a través da venda dos cupóns da ONCE”.

“A solidariedade que recibimos a través da súa compra é invertida nunha labor que non ten comparación no mundo, converténdonos na entidade que más emprego xera para persoas con discapacidade a nivel mundial, nacional e autonómico”, engadiu Carlos Fernández Lamigueiro.

Ao remate da presentación, a concelleira de Turismo recibiu da man do presidente da delegación territorial da ONCE en Galicia unha reprodución do cupón dedicado ao lago das Pontes que repartirá un premio de 300.000 euros ao contado e 5.000 euros ao mes durante 20 anos.