As Pontes, 26 de maio de 2021. Esta mañá, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, durante o foro empresarial “Invest in Cities”, iniciativa posta en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para promover a inversión, apoiar o desenvolvemento económico e ofrecer solucións de financiamento e dixitalización dos territorios, puxo de manifesto as capacidades do municipio para atraer investimento no ámbito das enerxías limpas.

Así, o rexedor sinalou que “As Pontes é un exemplo de reinvención, pasando dun modelo agrícola a un modelo absolutamente industrial nos anos 70 e hoxe a un modelo diversificado. É un enclave basicamente enerxético, cunha gran capacidade de almacenamento de auga, vencellado ao sector forestal, conectado por autovía pola meseta e próximo ao porto exterior de Ferrol ademais formamos parte do proceso de descarbonización o que permitirá dispoñer dos fondos europeos para a transición enerxética”.

Estamos nun proceso de reinvención no ámbito enerxético, e As Pontes será o punto de referencia de almacenaxe e e xeración enerxética con diversas tecnoloxías, esperando que os proxectos que están sobre a mesa se materialicen” concluíu o alcalde

Pola súa banda, Ana Pena, concelleira de Emprego e Industria do Concello das Pontes, destacou a historia industrial do municipio. “O noso coñecemento e experiencias; as infraestruturas, o carácter emprendedor da cidadanía pontesa son un legado da nosa tradición mineira. Temos talento e recursos para abordar o futuro”

Este foro contou tamén coa participación de Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, quen destacou que a “descarbonización abriu un novo escenario para o Concello das Pontes que supón unha enorme oportunidade, xa que o municipio ten grandes fortalezas, a súa enorme experiencia en actividades industriais ou a súa localización privilexiada no espazo único que han de constituír A Coruña, a súa área de influencia e Ferrol”.

Este foro forma parte da participación das Pontes de García Rodríguez na iniciativa de atracción de investimento ‘ Invest in Cities’, impulsada polo consultora Grupo PGS e CEPYME, cuxa directora puxo en valor o potencial do municipio.

“As Pontes ten chan a prezo competitivo e unha rede de comunicacións moderna e eficaz, cunha óptima conexión co porto exterior ferrolán. Que ninguén teña dúbidas: o asentamento de industria nas Pontes que requira unha achega extraordinaria de recursos enerxéticos é viable. As Pontes reúne como poucos municipios de Galicia as condicións para asentar un gran proxecto empresarial”, recalcou.

Ao longo do evento dixital, durante o que se destacou tamén a importancia dos recursos forestais das Pontes para aumentar a competitividade e crear emprego- tivo lugar unha mesa redonda baixo o título “Enerxías renovables e almacenamento”, na que os representantes de Endesa, Iberdrola, Naturgy e EDP Enerxía apostaron polo potencial de Galicia e As Pontes neste ámbito.

Ademais, as pemes das Pontes e a comarca puideron poñerse ao día respecto aos incentivos público-privados para o desenvolvemento empresarial e sobre as vías alternativas de financiamento.