As Pontes, 21 de xaneiro de 2026. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Asociación de Persoas Adictas e Familiares ADIANTE das Pontes, Roberto Fernández Castro, asinaron un convenio de colaboración para impulsar no municipio o proxecto de prevención familiar “En familia, tod@s contan”, unha iniciativa dirixida a apoiar ás familias en situación de especial vulnerabilidade fronte ao consumo de substancias aditivas.
Grazas a este acordo, a Deputación da Coruña achega 7.097 euros, o 75 % do orzamento total do proxecto, que conta cun investimento global de 9.463 euros, que ten como obxectivo principal do proxecto é fortalecer ás familias como espazo clave de prevención, reducindo factores de risco e reforzando os de protección. Para iso, dotarase a pais, nais e titores legais de ferramentas prácticas para mellorar a comunicación familiar, a supervisión parental, a xestión de conflitos e as habilidades educativas, aspectos fundamentais para previr condutas aditivas desde idades temperás.
“En familia, tod@s contan” baséase nun modelo de intervención biopsicosocial e combina o traballo grupal —con oito sesións formativas de tres horas— cunha atención individualizada prestada por profesionais da psicoloxía e da educación social. Prevese a participación directa de 12 persoas nas sesións grupais e arredor de 24 persoas nas intervencións individuais, reforzando así unha atención próxima e adaptada á realidade das familias das Pontes.
A Asociación ADIANTE, con sede nas Pontes e unha traxectoria de 36 anos, é unha entidade declarada de utilidade pública e un referente na comarca no ámbito da atención, rehabilitación e prevención das adiccións. Na actualidade traballa con persoas e familias de distintos concellos da provincia da Coruña, en coordinación cos servizos sanitarios, sociais e educativos.
Desde ADIANTE subliñan que o apoio da Deputación da Coruña “é fundamental para manter e consolidar programas preventivos no ámbito familiar nas Pontes, un eido clave para actuar de maneira temperá fronte ás adiccións e contribuír á creación de contornas familiares máis saudables e protectoras”.



























