As Pontes, 27 de febreiro de 2025. O Concello das Pontes presentou hoxe o programa completo de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller que se van celebrar durante este vindeiro mes de marzo.
As actividades comezan a próxima semana coa apertura da exposición fotográfica “Livin´laVidaMadre” que se poderá visitar ata o 31 de marzo no Centro de Interpretación “A Mina”. Trátase dunha exposición fotográfica creada por Mil Ollos Producen e pertencente á Recicladora Cultural que nace do libro homónimo e da necesidade de falar sobre a experiencia da maternidade e como encaixa na vida de mulleres reais.
“Livin´laVidaMadre” mostra como viven a maternidade as mulleres reais, imperfectas, traballadoras, esgotadas e, ás veces, esgotadoras, loitadoras, inconformistas e tolas por lograr unha vida na que todos os membros da familia, sexa como sexa, aprendan a entenderse e gozar da tola aventura que supón, desde esa raia de máis no test de embarazo, a chegada dun bebé a casa.
O vindeiro mércores 5 de marzo, durante a celebración do pleno ordinario, procederase á lectura da declaración institucional e o xoves, 6 de marzo, ás 17:00h, na Casa Dopeso inaugurase a inauguración da exposición “Unha vida nunha mirada” do taller “A mirada feminina a través da arte”
Un obradoiro posto en marcha polo departamento de Benestar Social do Concello das Pontes, dirixido a mulleres maiores de 55 anos e que tiña como obxectivo, a través dunha aproximación ao papel da muller no mundo da arte, promover o empoderamento das participantes mediante o desenvolvemento da súa autonomía emocional, persoal e psicolóxica, creando un espazo de reflexión para axudar ás mulleres participantes a identificar cales son as súas necesidades, onde están e cara a onde queren dirixir a súa vida, tomando conciencia da importancia do autocoidado e do benestar persoal para o seu desenvolvemento e o crecemento individual.
Entre as actividades programadas destacan as destinadas ao alumnado dos centros educativos do Concello das Pontes. Así, o 12 de marzo, ás 12:00h. no salón de actos da Casa Dopeso os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Educación Primaria asistirán á obra “Elas pintan moito” a cargo da compañía “Migallas Teatro”, unha sesión de contos e música en directo baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.
Xa o 14 de marzo, ás 12:00h no Auditorio Municipal Cine Alovi, o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria poderán gozar do espectáculo “Igualdade, onde estás” da Maga Fani, cun espectáculo cheo de maxia e moito humor, para tentar expor non só as desigualdades cotiás e históricas, senón tamén a importancia de erradicalas traballando non ámbitos da educación e a cultura.
Os actos programados polo Concello das Pontes para a conmemoración do Día Internacional da Muller continuarán cunha charla-coloquio con mulleres profesionais da música de distintas xeracións e enfoques artísticos que leva por título “En clave de muller”, que se celebrará o vindeiro 15 de marzo ás 12:00h no salón de actos da Casa Dopeso.
As actividades rematarán co obradoiro “Feminismos no tempo” da Asociación das Viúvas, un xogo para o debate sobre temas como a desigualdade de xénero ou o feminismo.

























