As Pontes, 10 de febreiro de 2026 — A 45ª Feira do Grelo das Pontes celebrarase este sábado 14 e domingo 15 de febreiro, e contará con dous protagonistas indiscutibles: a freixoeira e as razas autóctonas galegas, símbolos de sabor, tradición e identidade local que fan desta cita un referente gastronómico e cultural da comarca.
A freixoeira, presente na feira desde 1987, consolidouse como un dos emblemas culinarios das Pontes. Construída por veciños do municipio en aceiro inoxidable, cunha plancha de ferro, quentada con resistencias eléctricas, funciona cun sistema de bidón de 60 litros sobre raís que distribúe a masa de leite, auga, fariña e ovos, dando lugar aos tradicionais “freixós”.
Nos seus primeiros anos, a máquina elaboraba oitenta freixós por pasada; hoxe alcanza as 200 unidades por hora, converténdose nun punto de encontro culinario e social. O seu funcionamento require a coordinación de 15 persoas: oito no ferro, dúas que empurran o carro, un operario eléctrico que supervisa as resistencias, dous encargados da masa, dous máis da preparación dos ingredientes e tres que separan e serven os freixós. A Asociación Veciñal Beiras do Eume mantén este ritmo constante, garantindo que durante o fin de semana se repartan case 20.000 freixós.
Este ano, a freixoeira abrirá o sábado de 9.00 a 13.30 horas e o domingo de 8.00 a 14.00 horas, con lotes de dez freixós a cinco euros e un máximo de vinte unidades por persoa. Ademais de manter viva esta tradición culinaria, a freixoeira segue sendo un espazo de encontro social e de transmisión da gastronomía ligada ao Entroido e aos grelos.
Paralelamente, a carpa de BOAGA, na Avenida da Coruña, será outro dos focos principais da feira. Alí poderanse ver exemplares de Galiña de Mos, ovella galega, cabra galega e poldro galego, converténdose nun atractivo especial para a rapazada que visite a Feira do Grelo.
A carpa abrirá o sábado de 10.00 a 20.00 horas e ofrecerá información sobre o proceso de cría e como integrar estas razas nunha explotación, animando aos visitantes a resolver dúbidas cos expertos. Ademais haberá degustacións de petiscos elaborados con cabalo Pura Raza Galega, Galiña de Mos e tenreira cachena entre as 12.30 e as 15.00 horas. O domingo abrirá de 10.00 a 16.00 horas, cunha nova degustación de 12.00 a 15.00 horas, en colaboración con AUTGA.
A programación inclúe tamén un faladoiro sobre as razas autóctonas, a comercialización das súas producións e o impacto da nova PAC post 2028 e do acordo Mercosur nas explotacións galegas. Será o sábado 14 de febreiro ás 11.30 horas na Praza de América, con participación da Oficina Agraria das Pontes, representantes de BOAGA e do cociñeiro Antonio Díaz.
Con sabor, tradición e innovación, a 45ª Feira do Grelo das Pontes converte un fin de semana de febreiro nunha celebración da gastronomía, a cultura e o patrimonio local, onde a freixoeira e as razas autóctonas brillan como protagonistas.





























