As Pontes, 29 de marzo de 2023. O Concello das Pontes pon en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego, en colaboración cos Concellos de a Capela e As Somozas subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciado polas entidades locais.

O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, cunha duración de 12 meses, ten como obxectivo prioritario, en palabras de Ana Pena, concellería responsable da área, “mellorar a ocupabilidade e inserción laboral dos veciños dos concellos de As Pontes, A Capela e Somozas, con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral. A través deste programa formativo ofrecémoslle ao alumnado participante unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado co que desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para situarse, deste xeito, nunha situación máis favorable cara o mercado laboral”

A concelleira tamén subliñou que “volvemos a apostar por este programa ante os resultados que arroxaron as anteriores edicións que permitiron a formalización de 162 contratos de traballo, 44 durante o programa do ano 2017-2018, 56 durante a edición do ano 2019, exclusiva para mulleres, e 62 contratos durante o programa 2019-2021 que tivo que ser prorrogado por mor da pandemia”

Nesta nova edición participan 100 homes e mulleres desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, menores de 30 anos con cualificación así como desempregados e desempregadas de longa duración e percetores/as de prestacións. Todas as persoas que participen no Programa Integrado de Emprego terán dereito a percibir unha bolsa de 7 euros por día de asistencia ás accións do programa e así mesmo o programa conta con medidas de conciliación da vida laboral e familiar.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 42% inclúe un amplo abano de accións informativas, asesoramento, orientación laboral , de carácter individual, e un conxunto de sesión grupais organizadas entorno a adquisición de coñecementos sobre elaboración de currículum vitae, cartas de presentación, entrevistas de traballo así como habilidades sociolaborais e clases de coaching, intelixencia emocional e motivación laboral e mobilidade laboral, entre outras.

Ao mesmo tempo, o alumnado adquirirá competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros, con práctica laboral, sobre mantemento industrial (200 horas), operativa de caixa-terminal punto de venda (140 horas), curso de laminado por infusión e GWO (110 horas), un curso de vixiante de seguridade (180 horas) ou un curso de manexo de carretillas e plataformas elevadoras móbiles de persoal (24 horas), entre outros.

O orzamento do Programa Integrado é de 185.625 euros dos cales 148.500 euros son aportados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade Xunta de Galicia e 37.125 euros polo Concello de As Pontes, Concello de A Capela e Concello das Somozas e conta así mesmo co cofinanciamento do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).