As Pontes, 5 de xuño de 2021. O Concello das Pontes adhírese á iniciativa ‘Unha árbore por Europa’ coa plantación, esta mañá, ao abeiro do Día Mundial do Medio Ambiente, dunha árbore froiteira autóctona, na contorna da Canle IV.

Deste xeito, As Pontes pasa a formar parte dos máis de 6000 concellos participantes nesta proposta posta en marcha polo Equipo Europa a raíz dunha proposta de David Sassoli, Presidente do Parlamento Europeo.

Esta iniciativa, ten como obxectivo principal concienciar arredor da loita contra o cambio climático a través das administracións máis próximas á cidadanía.

Así, as entidades locais adheridas a esta iniciativa asumen o compromiso de plantar unha árbore no municipio, visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no ámbito local e involucrar á xuventude nos procesos de toma de decisións en materia de sustentabilidade.

O Concello reitera así o seu compromiso ca transición ecolóxica e co mantemento da biodiversidade, sendo esta unha acción máis das postas en marcha para fomentar a conservación do medio ambiente, contribuír a manter un territorio verde e con futuro para todas as persoas.