As Pontes, 13 de maio de 2020. O Concello das Pontes inicia hoxe o proceso progresivo de reapertura da Biblioteca Municipal Rivera Rouco coa reactivación do servizo de préstamo e devolución de materiais.
Durante toda a Fase 1 do Plan de Transición cara unha nova realidade, a Biblioteca terá limitada a entrada ata o mostrador, permanecendo pechadas as salas de estudo, lectura así como o acceso aos ordenadores e os aseos, ademais o aforo estará limitado para así poder garantir as distancias de seguridade.
A instalación municipal abrirá de luns a venres, de 09:30 a 13:30 horas, para o servizo de préstamo, sempre baixo demanda, e devolución de materiais. Todo o material devolto permanecerá aillado do resto da colección bibliográfica durante 14 días antes de volver a estar a disposición dos usuarios e usuarias da Biblioteca.
As persoas usuarias deberán acudir co carné da Biblioteca tanto para o préstamo como para a devolución e os/as menores de 14 anos deberán ir acompañados/as sempre dunha persoa adulta.
Co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza, a Biblioteca Municipal porá xel hidroalcólico a disposición do público e recomenda o uso de mascarilla e luvas protectoras para acudir á instalación municipal.
As persoas interesadas en obter máis información sobre a reanudación do servizo poden chamar ao teléfono 981102562 ou enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected]