As Pontes, 13 de maio de 2020. O Concello das Pontes reabrirá o mercado dos sábados, dedicado á venda de produtos do sector primario, o vindeiro sábado, 16 de maio.

O grupo de goberno, co obxectivo de cumprir con todas as obrigas establecidas pola Orde do 4 de maio da Consellería do Medio Rural e garantir que o desenvolvemento desta actividade non supoña ningún risco para a saúde de vendedores/as e compradores/as, decidiu cambiar a ubicación do mercado dos sábados que pasará a celebrarse na carpa situada no patio do Colexio Santa María.

A concelleira responsable da área, Elena López, sinala que este cambio de localización “permitiranos establecer un aforo limitado, tanto para o número de postos como para as persoas que acudan a mercar, garantindo ademais unha vía de tránsito de 6 metros entre postos e unha separación mínima de 4 metros entre os laterais, tal e como establece a orde autonómica”

Axentes da Policía Local así como membros de Protección Civil serán os encargados de velar polo cumprimento das normas durante toda a celebración do mercado para garantir que se respecta a distancia mínima persoal, regulando, no caso de ser preciso, a entra ao patio do colexio Santa María para evitar aglomeracións.

Por outra banda, o Concello instalará paneis informativos e sinalización para garantir o distanciamento social e porá a disposición dos vendedores e vendedoras  mascarillas así como xel hidroalcólico, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias, para vendedores/as e clientes. Asemade, a concelleira de Comercio, Hostalaría e Turismo recorda que é indispensable o uso de luvas e que non está permitida a manipulación, por parte da clientela, dos produtos á venda.