As Pontes, 10 de xuño de 2021. O Concello das Pontes destinará preto de 156.700 euros ás achegas para as entidades culturais do municipio no ano 2021.
Estas achegas, destinadas a entidades culturais privadas, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro de Asociacións do Concello de As Pontes e que desenvolvan a súa actividade no municipio ou aborden asuntos de interese para a localidade, teñen como obxectivo prioritario dar apoio a ditas entidades e contribuir a que acaden os seus obxectivos, fomenten a participación cidadá, contribuíndo, deste xeito, a impulsar a democratización da sociedade, fomentar a defensa dos valores da igualdade de xénero e a linguaxe inclusiva.
A través destas achegas as entidades solicitantes poderán cubrir os gastos derivados das actividades que leven a cabo así como os gastos en infraestruturas e equipamentos executados ou adquiridos durante o ano 2021.
Así, serán subvencionables os gastos de persoal con contrato laboral coa entidade, gastos de seguros de responsabilidade civil ou de cobertura de accidentes, gastos de transporte para a realización de viaxes culturais, gastos de publicidade, de loxística (megafonía, son, iluminación e infraestruturas imprescindibles e necesarios para o desenvolvemento das actividades)
Tamén serán subvencionables os gastos xerados para o desenvolvemento de actuacións culturais: subministracións non inventariables necesarios para a realización da actividade (tecidos, madeira, etc…), material de oficina, persoas monitoras/instrutoras das actividades e actuacións de carácter cultural así como os gastos derivados da organización de cursos, charlas, obradoiros culturais, etc.
Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello, cumprimentada polo representante da entidade cultural, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes e de dez días a contar desde o 10 de xuño.
Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP número 104, do 04 de xuño de 2021 na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes.