As Pontes, 9 de xuño de 2021. O Concello de As Pontes destinará corenta mil euros para a convocatoria de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos e fillas. O obxectivo desta convocatoria de axudas destinadas a material escolar é a promoción da igualdade no dereito á educación e compensar ás familias polos gastos derivados da escolarización no inicio do curso.

A contía individual para cada persoa beneficiaria segundo o seu curso é de 30 € para Educación Infantil (de 0 a 3 anos) e de 100 € para Educación Infantil (de 3 a 6 anos) e Educación Primaria e Secundaria. No caso de cursar a FP Básica a axuda será de 80 € e de 140€ para alumnado de Bacharelato ou Ciclos formativos.

As persoas beneficiarias destas axudas son o pai/nai, ou titor/a legal do alumnado empadroado nas Pontes e que vaia cursar formación nos centros educativos do municipio. Ademais de estar empadroado no momento da solicitude, é requerido que a renda da unidade familiar non supere os 20.500 € ou no caso das familias numerosas incrementarase esta cifra en 850 € a partires do/a terceiro/a fillo/a.

A presentación de solicitudes levarase a cabo no Rexistro Municipal (necesaria cita previa nos teléfonos 667129389 / 667129380) ou a través da sede electrónica. Xunto co modelo de solicitude cuberto, hai que achegar o DNI da persoa solicitante, o libro de familia e no caso de familias numerosas a fotocopia do título, e o certificado de matrícula do centro de estudos. No caso das familias monoparentais haberá que presentar a sentencia xudicial, no caso de separación ou divorcio, ou o certificado de defunción de ser o caso.

Non obstante, no caso de non autorizar ao Concello para a consulta directa da situación tributaria, empadroamento ou débedas con outra administración tamén debera aportarse a declaración do IRPF do exercicio 2020 ou o certificado de imputacións de rendas correspondentes ao ano 2020 expedido pola Axencia Tributaria. Será preciso o certificado de non existencia de débedas coa AEAT, seguridade social e Concello das Pontes e o certificado de empadroamento colectivo.

O prazo para solicitar estas axudas remata o día 7 de xullo. Doutra banda, para todo aquel alumnado que por obrigación teña que formalizar a matrícula en setembro, abrirase un prazo extraordinario do 20 ao 30 de setembro de 2021.

BASES

SOLICITUDE

INFORMACIÓN

DESIGNACIÓN CONTA BANCARIA