As Pontes, 31 de xaneiro| O Concello de As Pontes, con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña 2019, ten previsto executar un proxecto de mellora da accesibilidade e humanización da contorna do cemiterio dos Alimpadoiros.

Esta actuación, que ten como obxectivo facilitar a mobilidade na zona e o acceso ó edificio de titularidade pública, contempla a creación de dous conxuntos de ramplas, para uso exclusivo dos peóns, que salvarán os desniveis existentes na entrada.

O desnivel inferior e de menor tamaño eliminarase coa creación de dos ramplas simétricas, en forma de L, deixando dous tramos de escaleiras centrais mentres que, a escalinata curva actual substituirase por unha escaleira central e dous conxuntos de ramplas laterais que seguirán o trazado da escaleira orixinal.

Neste último caso, as ramplas realizaranse con muros de formigón que actuarán como elementos de protección. Así mesmo, o proxecto contempla a instalación de varandas de aceiro inoxidable para garantir a seguridade na zona de tránsito peonil.

O proxecto tamén completa a reparación do firme da calzada co fresado das zonas precisas e o aglomerado da contorna do conxunto de ramplas.

O goberno local a través deste proxecto avanza na súa folla de ruta para facer de As Pontes un municipio ao servizo das persoas, apostando por un sistema de mobilidade onde o peón gaña protagonismo con especial atención á veciñanza con mobilidade reducida.