As Pontes, 30 de marzo de 2020.  O Concello das Pontes ao abeiro do Real Decreto Lei, aprobado onte en Consello de Ministros Extraordinario, que regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o  COVID-19, decreta novos servizos mínimos municipais, durante o período comprendido entre o 30 de marzo e o 9 de abril de 2020.

O decreto municipal establece as canles de comunicación da cidadanía co Concello. Esta realizarase telematicamente, a través da sede electrónica municipal (24 horas) ou por vía telefónica, en horario de 09:00 a 15:00 horas, nos seguintes números de teléfono: Casa do Concello (981 453 116), Rexistro Municipal (667 129 380/9), Servizos Sociais (981 441 008) e Policía Local (981 453 191)

Durante o período regulado polo decreto municipal, no Concello das Pontes manterase a atención á cidadanía, de xeito presencial, na Policía Local, Servizos Sociais e na Radio e Televisión Local.

Así mesmo, o decreto de alcaldía establece a continuidade da comisión de seguimento do COVID-19, integrada polo Alcalde, o concelleiro de Coordinación de Goberno, a concelleira de Recursos Humanos, a concelleira de Benestar Social, o concelleiro de Seguridade Cidadá, o xefe da Policía Local e o responsable dos servizos de emerxencia e Protección Civil.