As Pontes, 31 de maio de 2023. Máis dunha vintena de establecementos comerciais participarán o vernes, 2 de xuño, nunha nova edición de “Móvete x As Pontes”, a fashion night organizada polo Concello coa colaboración de COHEMPO.

Esta iniciativa municipal busca contribuír á dinamización comercial do municipio, aumentando a visibilidade do comercio pontés, pezas fundamentais na economía local. Nese sentido, Elena López, concelleira de Comercio, sinala que “o Concello das Pontes quere acadar un sector forte, axuntar esforzos e formular estratexias conxuntas que permitan reforzar o atractivo e a competitividade do comercio do municipio. Desde o goberno local apostamos por impulsar accións destinadas a promocionar e apoiar as vendas para lograr un sector forte e cohesionado”

Nesta nova edición da festa do comercio do Concello das Pontes haberá desfiles de moda de Cul Moda y Peluquería na Avenida de Ferrol, ás 19:00 horas, na Avenida de Ortigueira ás 20:00 horas está previsto o desfile de Ratón Pérez e na Avenida de Castelao, ás 20:45 horas, La Tienda realizará un desfile dentro do establecemento.

Por outra banda haberá actuacións musicais a partir das 17:00 horas cunha sesión de DJ en Niza e Texas, continuará ás 18:30 horas con concerto organizado pola Taberna de Pancho Zokos, unha sesión de DJ, a partir das 20:00 horas en LecaR 712 e rematará, ás 22:00 horas, con outra sesión de DJ no Colador. Ademáis desde as 20:00 ás 24:00 horas haberá animación musical de rúa a cargo das charangas Celtas, Charanga NBA, Charanga BB+

Tamén haberá actividades para a rapazada, con animación infantil e pintacaras, de 19:30 horas a 21:30 horas en Anduriña´s e a partir das 21:00 horas en Ratón Pérez con Mickey Mouse.  Finalmente, na rúa Alexandre Bóveda, a partir das 18:00 horas, poderán visitarse os postos de rúa de Talleres de Arte Comeluz, Kotattoo e Green Soul

A partir das 20:00 horas, os locais participantes prolongarán o seu horario de apertura ata as 00:00 horas para ofrecer, á veciñanza e visitantes descontos especiais e promocións.  Entre todas as persoas compradoras repartiranse premios valorados en 600 euros, a través de tarxetas rasca, para gastar durante a celebración da fashion night nos establecementos que participan nesta iniciativa.

A concelleira, Elena López invitou a todos os veciños e veciñas e visitantes a gozar desta gran festa do sector comercial local, a vivir unha noite diferente entorno ao mundo da moda e do pequeno comercio, amosando o seu apoio á economía local, mercando no comercio pontés e investindo no futuro de As Pontes.