As Pontes, 15 de abril de 2026. O Concello das Pontes  aprobou o expediente de licitación das obras de reparación da capa de rodaxe en varios viais municipais situados nos núcleos de O Rego, O Couce e O Castro.

A actuación abrangue unha superficie total de 3.350  metrosde vías de titularidade municipal situadas en contornos rurais do termo municipal, co obxectivo de mellorar o estado do firme e garantir unha maior seguridade viaria.

As intervencións distribúense en tres tramos: O Couce, en San Pedro de Eume, cunha superficie de 1.075,31 m²; O Castro, en San Xoán de Seixo, con 842,71 m²; e O Rego, en O Deveso, con 1.432,60 m².

As obras inclúen a limpeza e perfilado de cunetas para asegurar un correcto drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a reparación previa das zonas deterioradas e con fochancas mediante a achega de grava e tratamentos asfálticos semiprofundos.

Posteriormente executarase unha nova capa de rodaxe de 3 centímetros de aglomerado bituminoso en quente tipo MSR-6 en toda a superficie de actuación, incluíndo os sobreanchos necesarios en función das condicións do firme existente.

No tramo de O Rego prevese ademais a reparación específica dunha zona afundida do pavimento, co fin de recuperar a súa correcta rasante.

Unha vez finalizados os traballos de pavimentación, procederase á execución da sinalización horizontal, co pintado de liñas de bordo e demais elementos de ordenación viaria necesarios.

Esta intervención enmárcase no plan municipal de mellora e conservación da rede viaria rural, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e as condicións de circulación nos diferentes núcleos do municipio.