As Pontes, 16 de marzo de 2023. As Pontes acolleu esta mañá, no salón de actos da Casa Dopeso, unha xornada informativa, organizada polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ), organismo autónomo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), en colaboración con goberno autonómico a Asociación de Municipios en Transición Xusta-Asociación de Comarcas Mineiras (ACOM da FEMP), sobre a evolución dos traballos do Convenio de Transición Xusta que se están desenvolvendo na comarca.

Un encontro no que se deron cita preto de 100 representantes empresariais e institucionais e no que se deu a coñecer, polo miúdo, o traballo que se está a realizar desde o Instituto de Transición Xusta, a situación dos proxectos empresariais que se están a desenvolver no Concello das Pontes e a súa contorna así como as liñas de axuda e os instrumentos existentes para dinamizar as zonas en transición.

Durante o acto inaugural da xornada, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que estivo acompañado por Laura Martín, directora do ITJ; María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, Pablo Fernández, director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia; e Carolina Morilla, secretaria xeral de ACOM, sinalou a importancia deste encontro, non solo desde o punto de vista informativo senón tamén desde o punto de vista práctico “tendo por diante un escenario onde temos que ser capaces de optimizar todos os fondos europeos, os fondos de transición e tamén os recursos propios” sinalou o rexedor local.

“O tecido empresarial local empeza a coñecer e a interesarse polas convocatorias. Isto indica que hai motivación e iniciativa para emprender proxectos e os territorios teñen necesidade de que se comecen ditos proxectos. As zonas onde houbo, historicamente, unha dependencia dunha explotación mineira e unha central térmica, como é o caso das Pontes e Cerceda, requirimos deste tipo de instrumentos e necesitamos que haxa un seguimento dos mesmos, que se concreten en proxectos que teñan todas as facilidades administrativas para facerse realidade na maior brevidade posible” engadiu González Formoso.

O alcalde rematou a súa intervención subliñando que “na nosa vila así como noutros concellos en transición existen moitos colectivos pendentes de que estes proxectos arranquen, coordinando o final dunha instalación produtiva coa creación doutras novas, xeradoras de emprego. Ademais estas convocatorias albergan tamén as esperanzas de pequenos proxectos que co paso do tempo poden chegar a ser proxectos tractores nas súas localidades se se lles da o respaldo axeitado”

Durante o transcurso da xornada, o ITJ informou sobre os resultados da resolución provisional das axudas a proxectos municipais para infraestruturas dixitais, ambientais e sociais destinadas aos 197 municipios de Transición Xusta e que están financiadas con 91 millóns a través do Plan de Recuperación.

Tamén se presentaron os proxectos apoiados polo ITJ e déronse a coñecer as novas axudas a empresas co obxectivo de impulsar a xeración de nova actividade, a diversificación económica, a xeración de emprego, así como contribuír a manter os postos de traballo das empresas locais.