As Pontes, 14 de agosto de 2024. O Concello das Pontes acollía esta mañá a presentación da Copa Deputación da Coruña de volei praia de categorías inferiores, que terá lugar os vindeiros días 17 e 18 de agosto no campo de area do lago das Pontes.
Elena López, concelleira de deportes, dáballe a benvida a José Ramón Baña, secretario da Federación Galega de Voleibol, e agradecíalle que un ano máis contaran coas instalacións do lago das Pontes para a organización deste campionato, amosando así as posibilidades que ofrece o entorno para a celebración de diferentes eventos, tanto deportivos como de ocio e lecer, tralo campionato de rugbi praia ou os actos de conmemoración do aniversario do lago da pasada fin de semana.
Pola súa banda, José Ramón Baña quixo tamén amosar o seu agradecemento no nome da Federación Galega de Voleibol pola boa predisposición do Concello das Pontes, que trala celebración de torneos internacionais e campionatos de seleccións autonómicas en anos anteriores, volve acoller unha nova proba deportiva de volei praia.
Nesta ocasión será a Copa da Deputación da Coruña de categorías inferiores, onde competirán xogadores e xogadoras alevíns, infantís, cadetes e sub-19, con participantes que van dende os 12 ata os 18 anos.
Nesta ocasión son máis 140 parellas inscritas, o que supón a presenza de máis de 300 persoas no Concello das Pontes durante toda a fin de semana, entre participantes, adestradores e familiares.
Así, o sábado 17 dará comezo a competición ás 9:30h coas categorías infantil e sub-19, con previsión de rematar arredor das 19:30h da tarde.
Xa o domingo 18 será a quenda das categorías alevín e cadete, que comezarán tamén as 9:30h; rematando a competición ás 19:30h coa entrega de trofeos.
Elena López quixo aproveitar a ocasión para convidar a toda a veciñanza das Pontes a achegarse ata o lago das Pontes esta fin de semana e poder gozar do espectáculo do volei praia.