As Pontes, 14 de outubro, de 2024. O salón de actos da Casa Dopeso acolleu, esta mañá, a primeira xornada do ciclo de Conversas Abertas que levan por título “Territorios (trans)feridos”, organizadas polo Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello das Pontes.
Nesta xornada, a que asistiu o alumnado do Grao de Socioloxía da Universidade da Coruña, abordáronse os retos sociais, ambientais, económicos e culturais experimentados na vila das Pontes ao longo destes últimos anos.
No acto de inauguración interviña o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso que destacaba a importancia da celebración deste tipo de xornadas,“ os territorios en transición experimentan unha nova realidade que hai que axudar a implementar, e lóxicamente faise grazas ao traballo das administracións, da sociedade civil, pero tamén grazas aos expertos na materia, que son fundamentais para predecir cal vai ser o futuro deste tipo de territorios”.
María Andrade, directora do departamento de Socioloxía da Universidade da Coruña, e coordinadora do Grupo de Estudos Territoriais, debullaba máis polo miúdo os obxectivos destas xornadas, sinalando que “coas aportacións científicas e técnicas que se van poñer aquí de manifesto, trataremos de definir un novo modelo que garanta unha transición xusta capaz de xerar oportunidades de emprego e desenvolvemento social”.
Na primeira das charlas, que levaba por título “A minaría de carbón en Galicia: introdución e estado da cuestión” interviñan, entre outros expertos, o sociólogo pontés Xaquín Pérez-Sindín, facendo unha exposición sobre a traxectoria socio-ecolóxica do Concello das Pontes dende a chegada da central térmica.A xornada continuou ao longo de todo o día con diferentes ponencias e unha mesa redonda, ademáis de outras actividades complementarias, entre as que destacaron unha visita ao lago das Pontes, ou un percorrido polo casco antigo da vila, o poboado das Veigas, ou unha visita ao museo etnográfico “Monte Caxado”.

























