As Pontes, 18 de xullo de 2025.- O Concello de As Pontes está a consolidarse como un dos principais destinos para a inversión de empresas norteamericanas en Galicia, coa instalación, nos últimos tres anos, de tres compañías pertencentes aos sectores da enerxía eólica, o sector metalúrxico e o sector do motor, xeradoras de máis de 300 empregos.

Nese sentido, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso apunta que “ser o lugar no que se concentra o maior número de investimentos de capital norteamericano en Galicia evidencia o potencial empresarial de As Pontes, que transcende fronteiras. Estas empresas non só supoñen un impulso clave para a creación de emprego estable e de calidade, senón que tamén dinamizan a economía local, fortalecendo o tecido industrial, comercial e de servizos do noso concello”.

“É preciso que todas as administracións continuemos traballando de xeito coordinado para garantir que este dinamismo logre atraer novas iniciativas e investimentos ao noso territorio, xerando así oportunidades que contribúan ao benestar das familias pontesas e ao desenvolvemento sostible da nosa comarca.” engadiu o rexedor local.

Durante os últimos tres anos instalaron as súas actividades no polígono industrial de Penapurreira e a súa contorna Invenergy, empresa líder mundial no sector da enerxía eólica, con 2.600 empregados en todo o mundo, 300 dos cales traballan nos centros cos que a empresa conta en Galicia.

A compañía norteamericana adquiriu unha parcela de 10.000 metros cadrados e unha nave de 7.000 metros cadrados na fase B do polígono para establecer nas Pontes o un centro de reparación e mantemento de equipos eólicos, que se sumou ao centro que a empresa ten no municipio das Somozas.

Outra das compañías asentadas en Penapurreira e a empresa, Allied Steel International, con sede en Florida, que fixo do seu centro nas pontes a base para Europa da compañía. A empresa metalúrxica, especializada na fabricación de estruturas metálicas para construcións, conta no polígono cunha parcela de 25.000 metros cadrados e unha nave de 14.000 metros cadrados. A empresa iniciou a súa actividade no polígono pontés con 20 traballadores e conta na actualidade cun cadro de persoal de 120 persoas.

A empresa líder mundial en subastas de vehículos, Copart USA, con sede en California, abriu en 2024 unha instalación no polígono de Penapurreira, na parroquia de Saa. A compañía opera en 11 países e conta con 270 instalacións a nivel internacional.