As Pontes, 8 de outubro de 2025 – O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá na Casa do Concello ás xogadoras e corpo técnico da Selección Nacional Feminina Absoluta de Fútbol Sala, que esta tarde disputarán un encontro amigable fronte a Portugal no polideportivo municipal, como preparación para a Copa do Mundo de Fútbol Sala Feminino, que se celebrará en novembro nas Filipinas.

Durante o acto institucional, o rexedor local agradeceu a escolla de Galicia como sede destes encontros internacionais, destacando que a celebración dun dos partidos en As Pontes “coloca á vila e á comunidade galega no mapa internacional deste deporte”.

González Formoso tamén puxo en valor o traballo conxunto da Federación Galega de Fútbol e do club local Lago Sport, claves para que a selección nacional escollese As Pontes como escenario para este importante compromiso deportivo, ao que se sumou tamén o Concello de Vilalba, onde onte tivo lugar o primeiro dos dous encontros, con vitoria española por 5 goles a 3.

O alcalde subliñou ademais o forte arraigamento do fútbol sala no municipio, “unha disciplina con moita tradición e un importante número de equipos e licenzas deportivas”, asegurando que o apoio da afección está garantido: todas as localidades dispoñibles para o encontro de hoxe están esgotadas dende hai días.

Como mostra de agradecemento pola visita, o Concello fixo entrega á expedición española dunha peza conmemorativa elaborada en madeira e mármore polo artesán local Lolo Castro, da Asociación de Amigos da Madeira, que servirá como recordo da súa estancia en As Pontes.

A seleccionadora nacional, Claudia Pons, agradeceu a cálida acollida recibida durante estes días e destacou o excelente ambiente deportivo que se respira na vila. Afirmou que o obxectivo do partido de hoxe é “vivir unha gran festa do fútbol sala feminino, conseguir un bo resultado ante Portugal e sentir o apoio da afección pontesa”.

ENCONTRO ESPAÑA–PORTUGAL

O encontro entre España e Portugal terá lugar hoxe, ás 19:30 horas, no polideportivo municipal. As entradas están completamente esgotadas, polo que se agarda un cheo absoluto con máis de 600 persoas animando ao combinado español. O partido será retransmitido en directo a través de Teledeporte.

Este evento forma parte da preparación oficial da selección nacional para o Mundial feminino, sendo tamén unha oportunidade para poñer en valor o deporte feminino e a capacidade organizativa de As Pontes como sede de eventos deportivos de primeiro nivel.