As Pontes, 28 de febreiro de 2023. A piscina das Pontes, desde o pasado mes de setembro, data da adxudicación do contrato de xestión dos servizos da instalación municipal a unha nova empresa, supera ás 1.055 persoas usuarias.

Desde o Concello das Pontes amósanse moi satisfeitos con estas cifras que “reflicten o resultado das obras de mellora da instalación que permitiron a adaptación e remodelación dos vestiarios, a creación dunha zona separada destinada ao ximnasio e unha zona de duchas de contraste e un espazo terapéutico, complementario á sauna”

“Mostran tamén o resultado da renovación e ampliación do equipamento da sala de máquinas así como da posta á disposición das persoas usuarias do ximnasio dunha persoa monitora. Este impulso realizado polo Concello viuse respaldado desde o primeiro momento pola veciñanza cun crecente número de persoas abonadas” engade o responsable de Deportes, Chicho Tembrás.

Así, a piscina municipal conta con 415 persoas abonadas e entre as principais categorías de abonos, 148 son abonos especiais (menores de 18 anos, persoas en situación de desemprego, persoas maiores de 65 anos e persoas con certificado médico de rehabilitación) 127 corresponden a abonos familiares (unidades familiares con dúas persoas adultas e fillos/fillas de entre 6 e 17 anos abonados) e 60 son abonos xerais (persoas maiores de 18 anos que poden usara a instalación en calquera horario) asemade hai 9 abonos de uso exclusivo das instalacións en horario de mañá.

Por outra banda son máis de 640 as persoas cursistas inscritas nas actividades de natación programadas na piscina municipal, así son 346 os nenos e nenas que participan nas escolas de natación (do nivel 1 ao 4), 69 persoas participan nas clases de natación para persoas adultas e son 47 os usuarios e usuarias que participan nas escolas de natación para bebés, nivel cero e poñéndose en marcha, por primeira vez, un curso de natación adaptada dirixido a nenos e nenas menores. Ademais 103 persoas usuarias decantáronse polas clases de pilates, 28 polas clases de aquagym e 23 persoas optaron por adestramento funcional e 13 fixéronopor GAP.

Finalmente, durante o último mes de xaneiro foron 242 as entradas adquiridas para facer uso, de xeito puntual, correspondendo 173 a entradas para facer uso do ximnasio así como 72 bonos, tanto de nado libre para persoas adultas como bonos para o ximnasio e bonos especiais (nado libre + ximnasio)