As Pontes, 20 de abril de 2023. O alcalde das Pontes exerceu, esta mañá, de anfitrión no encontro empresarial “Convocatorias do Estado para o fomento da innovación e o desenvolvemento” no que participaron o Secretario Xeral de Industria do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Francisco Blanco; e o Delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto presentado polo presidente da Confederación de Empresarios de Coruña, Antonio Fontela.

Este encontro, no que se deron a coñecer as principais liñas de axudas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo orientadas a facilitar a transición dixital e ecolóxica do tecido empresarial vinculado ao sector naval, ao sector enerxético así como ao téxtil ou da automoción, contou tamén coa presenza dos promotores dos futuros proxectos que se implantarán no municipio como Reganosa, EDP, Ence e Universal Kraft, así como con representantes das empresas máis relevantes da comarca de Ferrolterra e Terra Chá como Megasa, Endesa, Norvento, Grupo Tojeiro, Intaf, Servicio Móvil, Ferroplast, Entrepinares, Navantia, Estrella Galicia, Gabadi, Cándido Hermida ou ABANCA e a totalidade do sector industrial das Pontes.

González Formoso agradeceu a participación do Secretario Xeral de Industria e o Delegado do Goberno en Galicia neste encontro “no que está representado boa parte do produto interior bruto da provincia da Coruña e de Galicia, con representación de sectores estratéxicos da economía galega como o naval, a automoción, a construción, a ciencia, a tecnoloxía ou a innovación. Son dúas figuras que van ser claves para o sector industrial en Galicia, nun momento no que hai que aproveitar os fondos europeos e as oportunidades que brinda a revolución industrial na que estamos inmersos, co obxectivo de consolidar a tríada industrial que conforman As Pontes, Ferrol e San Ciprián”.

Pola súa banda, o Secretario Xeral de Industria destacou que “en España e Galicia estamos a vivir un momento de descarbonización. Todos os procesos de descarbonización, máis que ser un problema son unha enorme oportunidade para deixar de ser un país importador neto de enerxía e converternos nun país exportador, grazas ás enerxías renovables. Hai que aproveitar esta oportunidade para convertela nunha vantaxe competitiva para a industria e para conseguir que se instalen novos proxectos industriais en España e Galicia.”

As Pontes foi sempre unha comarca industrial e ten que seguir séndoo. O goberno de España é moi consciente da importancia da industria, do efecto arrastre que ten sobre outras actividades económicas, a capacidade que ten para xerar bos empregos, estables, con bos salarios. Aí onde houbo unha capacidade e unha tradición industrial é fundamental facer todo o posible para mantela e aproveitar as oportunidades. Iso está a suceder xa nas Pontes” engadiu.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro púxose a disposición dos pequenos e grandes empresarios e tamén da cidadanía, non só da comarca, senón de toda Galicia para exercer como nexo de unión co Goberno e dar a coñecer as necesidades do sector industrial galego.