As Pontes, 1 de febreiro de 2024. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Industria, Ana Pena, visitou, esta semana, ´”Delicias Coruña”, a empresa de fabricación de empanadas máis grande do mundo.
A empresa, asentada no polígono de Penapurreira, cun plantel que se duplicou nos últimos anos ata superar os 200 empregados, adícase á fabricación de produtos tradicionais galegos, conxelados e refrixerados, con base en panadería e repostería. Entre a súa carteira de produtos atópanse as empanadas, as empanadillas e as tortas, englobadas baixo marcas como Obradoiro ou SanTyago.
Ao remate da visita, na que o alcalde puido coñecer de primeira man os proxectos de mellora e automatización do proceso produtivo nos que traballa Delicias Coruña co obxectivo ampliar a súa cota de mercado, González Formoso destacou a versatilidade das instalacións da empresa nas Pontes, “unha planta que incorpora a última tecnoloxía en sistemas de elaboración, envasado e control na que tamén se aposta polo mantemento do proceso artesanal nos formatos máis tradicionais que, unido á alta calidade de materias primas lles permite ser un referente dentro do mercado nacional.”
O rexedor local tamén quixo subliñar os inventimentos realizados pola empresa durante os últimos anos, próximos aos 10 millóns de euros, para ampliar e mellorar a súa capacidade de produción, apostando pola innovación e a incorporación de novos produtos, para ofrecer a gama máis completa do mercado español en empanadas e empanadillas así como no mercado internacional, principalmente en Francia, Reino Unido, Alemania, Bélxica, México, Estados Unidos e República Dominicana.