As Pontes, 10 de outubro de 2022. Trescentos ciclistas daranse cita o mércores, 12 de outubro, a partir das 09:30 horas, no lago das Pontes, no primeiro campionato internacional de ciclocross “Lago das Pontes”.

Trátase dunha proba organizada polo club de ciclismo As Pontes, coa colaboración do Concello, na que se dará cita a elite do ciclismo nacional e internacional, na categoría C2-UCI e na que participarán o campión masculino de España, Felipe Ors, así como a campioa de España da disciplina, Lucía González. A proba contará ademais coa presenza de equipos internacionais procedentes de Bélxica, Holanda, Francia e tamén tomará a saída a selección italiana de ciclocross.

Elena López, concelleira de Turismo, durante a rolda de presentación da proba, que tivo lugar esta mañá no salón de plenos da casa consistorial, agradeceu ao club Ciclista As Pontes o seu traballo e aposta polo lago, salientado a importancia de albergar esta proba, que “amosa, unha vez máis, o escaparate de promoción que é o lago, tanto para a vila como para a comarca, así como a súa capacidade para acoller probas deportivas que implican un gran despregamento de loxística e infraestruturas. Este campionato vai converter As Pontes, o mércores, nun escaparate internacional, feito que supón unha oportunidade de promoción única para a nosa vila”.

Pola súa banda, Marcos Fernández, presidente do Club de Ciclismo As Pontes, afondou nas cuestións técnicas dun tipo de proba “obrigatoria para poder acceder aos campionatos de Europa e aos campionatos mundiais. Os/as ciclistas teñen que ter, polo menos, cinco participacións en carreiras deste tipo para poder formar parte das seleccións dos seus países, feito que lle concede máis importancia á proba das Pontes xa que, sen probas como a que se celebrará o mércores, os/as ciclistas non poderían participar noutro tipo de campionatos”.

Marcos Fernández tamén recordou que a proba forma parte do calendario galego de ciclocross, integrado por 20 probas, 5 delas internacionais entre as que destaca a cita do 12 de outubro.

A proba disputarase nun circuíto de 3,1 quilómetros, cerrado e completamente balizado, no que o público asistente poderá ver, en todo momento, aos/as ciclistas participantes que terán que enfrontarse a 500 metros de herba, 450 metros de grava, 200 metros de terra e 150 metros de area e superar diferentes tipos de obstáculos, tanto naturais como artificiais, tales como pasos elevados, taboleiros, ladeiras ou chanzos.

O campionato comezará ás 09:30 horas coas quendas nacionais, por grupos de idade, e a partir das 12:00 horas darase paso ás categorías internacionais que serán televisadas en directo pola TVG2 e en streaming a través das canles de comunicación do campionato.

Pola súa banda, Yago Pico, responsable do trazado do circuíto e integrante do Club de Ciclismo As Pontes, indicou que no trazado do mesmo “aproveitáronse as características do lago e a súa contorna, un espazo natural único, no que se combinan partes de pradeira con partes de area, na propia praia, elemento único neste tipo de probas”.

Finalmente, o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, animou á veciñanza da vila e da comarca a achegarse ata o lago para “ver unha proba que, normalmente, no podemos ver no noso territorio”.  Agradeceu así mesmo o esforzo, tanto do Club como da Federación Galega e a Federación Española de Ciclismo para “ofrecernos esta oportunidade que, unha vez máis, fai que As Pontes sexa unha referencia dentro do mundo deportivo internacional”