As Pontes, 25 de setembro| A Concellería de Hostalería e Comercio está do máis atarefada nestas datas, aos preparativos dunha nova edición do certame de tapas ou da feira do queixo e mel da comarca súmase unha nova fronte: a celebración do que será o décimo aniversario do Mercado de Oportunidades Vila das Pontes, coñecido como MOVA.

Tralo respaldo estes días ao sector da hostalería ou dos produtos locais, non podía faltar tamén o traballo en prol do noso comercio de proximidade.

De feito, este mesmo xoves, no salón de plenos, a propia edil Ana Pena xunto con representantes da asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios, COHEMPO, presentarán as que serán as liñas do X MOVA e tamén as novidades para este ano. O principal cambio será a data, xa que ao coincidir o primeiro de novembro polo medio da semana, o MOVA adiantarase para celebrarse a fin de semana anterior, concretamente os días 28 e 29 de outubro.

A organización tamén dará conta de cómo se desenvolverá, este ano, este mercado de oportunidades, dende o prazo de inscrición ata o prezo dos stands, os sorteos de premios para os clientes ou o tipo de promoción que se fará do evento, mediante carteleiría ou anuncios en prensa e radio.

Este primeiro encontro informativo desenvolverase no salón de plenos da Casa do Concello, ás 20.30 horas, con entrada aberta para todos os comerciantes locais que estén interesados en sumarse a esta décima edición do Mova.