As Pontes, 29 de marzo 2019.  As obras de rehabilitación da Rúa San Xoán, situada no centro histórico de As Pontes,  financiadas pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos ( POS 2017) e que suporá un investimento de 218.576 euros, comezarán o vindeiro luns.

As obras empezarán no extremo da rúa máis próximo ó río Eume e durante todo o tempo de execución das mesmas o viario estará pechado ao tráfico rodado, acometéndose en primeiro lugar a renovación da actual rede de saneamento, a través da execución dunha rede unitaria en PVC cos correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros e a substitución das canalizacións da iluminación pública e baixa tensión.

A continuación procederase a renovación da rede de abastecemento coa instalación dunha nova canalización e de todos os elementos (válvulas, arquetas, bocas de rega) e as acometidas domiciliarias precisas para o óptimo funcionamento do novo servizo público.

Unha vez instaladas as diferentes redes de servizos, procederase á reposición do pavimento da rúa, tanto da calzada como das beirarrúas. Deste xeito, a actual base de soleira de formigón será substituída por laxa de granito no caso do viario e por lastras do mesmo material nas beirarrúas.

Todos estes traballos permitirán a reforma integral da rúa, seguindo os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados na recuperación da Vila, tanto na Rúa Real,  como no calexón do Trigo e a Rúa Perfolla, facendo posible que o goberno local continúe coa súa aposta pola conservación, protección do patrimonio e a revitalización do conxunto histórico pontés.

Esta actuación, xunto coas xa levadas a cabo e sumadas á rehabilitación do edificio situado no número 3 da Rúa de Igrexa e a apertura, o sábado 30 de marzo, da nova sede do Museo Etnográfico Monte Caxado, edificio recuperado polo Concello de As Pontes, transformará o barrio da Vila nun novo foco de interese histórico, cultural e turístico, recuperando o seu protagonismo no municipio.