As Pontes, 28 de marzo 2019. Todos os axentes sociais implicados na loita contra a violencia de xénero en As Pontes déronse cita, esta semana, na Casa Dopeso, reunión da Mesa Local de Coordinación en materia de violencia de xénero, tras a incorporación, no mes de xaneiro, de novos axentes locais que participan na detección e prevención de situacións de violencia de xénero, tales como as asociacións sociais ou de mulleres.

Esta reunión, convocada polo Centro de Información da Muller (CIM), tiña como finalidade servir como punto de encontro para coñecer, polo miúdo, os protocolos de intervención existentes nos distintos ámbitos profesionais implicados na loita contra a violencia de xénero, tales como servizos sociais, asistencia sanitaria, forzas e corpos de seguridade do Estado ou a administración local.

Durante este encontro, os axentes reunidos fixeron fincapé na necesidade de mellorar a relación entre eles para lograr unha maior e mellor protección e defensa das mulleres vítimas de violencia de xénero e neste sentido, os axentes máis técnicos adquiriron o compromiso de buscar e establecer canles de comunicación para avanzar na coordinación dos protocolos de actuación, en base as súas respectivas experiencias, para levar a cabo intervencións de forma transversal e conxunta.

Por outra banda, os asistentes acordaron realizar, durante o mes de maio, unha formación específica para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Protección Civil e resto de axentes presentes na Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, formación financiada con fondos do Pacto do Estado, a través da Vicepresidencia do Goberno e o Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

A Mesa reunirase, de novo, dentro de tres meses para continuar avanzando no establecemento de prácticas e mecanismos de actuación e coordinación entre as distintas institucións que operan en As Pontes e o CIM, unindo esforzos e recursos para mellorar a prevención e a sensiblización e ofrecer ás vítimas de violencia de xénero unha atención integral eficiente.